• Consumo de tabaco, colesterol alto e herdanza xenética son os factores que inflúen neste tipo de patoloxía nas persoas máis novas
• A tese doutoral do farmacéutico Pablo Juan recolle os resultados da investigación e avoga por incrementar a detección precoz para a poboación desa franxa de idade
A tese doutoral do farmacéutico Pablo Juan Salvadores, baseada na investigación que realizou durante anos no IIS Galicia Sur, definiu tres parámetros de risco que inflúen en que pacientes con menos de 40 anos de idade sufran un infarto.
En concreto, concluíu que o consumo de tabaco, os altos índices de colesterol ou a herdanza xenética constitúen factores de risco para que os máis novos poidan sufrir unha doenza deste tipo. Os dous primeiros son controlables, mentres o terceiro debe ser investigado.
A tese estivo dirixida polo xefe de servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Vigo e responsable do Grupo de Investigación Cardiovascular do IIGS, Andrés Íñiguez, e por Francisco Caamaño.
Avoga por unha maior atención a este grupo de idade, sobre todo o diagnóstico precoz dalgún dos factores de risco. En concreto, no referido aos niveis altos de colesterol, o autor do traballo considera que hai moi pouca poboación nova que estea tratada. De feito, dos 251 pacientes novos con enfermidade arterial coronaria que participaron na investigación, só o 11% estaba tratado con estatinas. “Ás veces non é suficiente levar unha dieta sa senón que se debería controlar en idades máis temperás”, sinala Pablo Juan.
O estudo dos factores xenéticos é obxecto doutra investigación que xa está en marcha. Para iso recolleu mostras dun centenar de pacientes e creou unha colección no Biobanco do IIS Galicia Sur, para levar a cabo un estudo xenético a fin de atopar biomarcadores que expliquen os motivos polos que a enfermidade evoluciona tan rápido en pacientes novos. Neste traballo conta co apoio do doutor Víctor Jiménez.
Visita nuestras redes sociales