• É a conclusión dunha investigación do Grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do IIS Galicia Sur
• O método utilízase xa en distintos hospitais españois como referencia da necesidade de realizar os devanditos estudos
Un método técnico, que aplica unha escala con distintos indicadores, permite coñecer cando é necesario realizar un estudo xenético a nenos ou nenas con problemas de neurodesenvolvemento. É a consecuencia dunha investigación realizada polo neuropediatra Alfonso Amado, do Grupo de Enfermidades Raras y Medicina Pediátrica do IIS Galicia Sur.
No estudo, que se desenvolveu durante varios anos, participaron uns 600 menores da Área Sanitaria de Vigo. O traballo consistiu en observar determinados parámetros clínicos que predicían un probable trastorno xenético de base en pacientes con problemas de neurodesenvolvemento (autismo, déficit de atención, problemas coa linguaxe e outros).
Os marcadores dese método recolléronse de entrevistas na consulta en que se vía ao neno e ao mesmo tempo preguntábase aos pais. De todo iso deduciuse, no transcurso da investigación, que era necesario facer estudos xenéticos a todos os menores con autismo. Con anterioridade os estudos xenéticos realizábanse de forma aleatoria, a criterio do facultativo.
A investigación derivou na tese doutoral de Alfonso Amado, que estivo dirixida polo director científico do IIS Galicia Sur, José Ramón Fernández Lorenzo, e publicouse nunha revista científica internacional. Hoxe en día, o método aplícase en distintos hospitais españois.
Visita nuestras redes sociales