• Realizaron un estudo sobre o consumo de drogas, tabaco, alcol e adiccións en menores de 14 a 18 anos no Val Miñor
• Como base para o traballo fixeron máis de 800 enquisas en distintos centros de ensino da comarca
• O accésit foi para unha investigación realizada por residentes en enfermería sobre a avaliación do impacto da difusión on line de activos de saúde
Tres médicos de Familia resultaron gañadores do Premio de investigación para residentes en Atención Familiar e Comunitaria, por un estudo sobre o consumo de alcol, tabaco e outro tipo de substancias e adicións entre os mozos do Val Miñor con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos.
O premio de investigación de residentes de Atención Primaria chegou xa á súa quinta edición. Está organizado polo servizo de docencia de Atención Primaria, con Ana Clavería á fronte, que tamén coordina a Área de Eficiencia e Calidade en Servizos de Saúde, Seguridade do Paciente e Economía da Saúde do IIS Galicia Sur. Nesta ocasión, por mor da pandemia, a presentación dos traballos celebrouse no salón de actos do Hospital do Meixoeiro, ao fin de manter as distancias mínimas entre os asistentes. Ademais, foi emitido on line para quen quixo conectarse.
O traballo premiado foi realizado por Alba Lorenzo, Elena Aboy e Fernando Tovilla, baixo a supervisión da doutora Olga Villar, do Centro de Saúde do Val Miñor. Para a súa realización tiveron que contar co compromiso dos directores de institutos da comarca miñorana, así como, por suposto, coa complicidade dos alumnos.
En total recibiron 848 respostas aos cuestionarios que entregaron aos alumnos, das que 411 foron de chicos e o resto de chicas. Do estudo das respostas que ofreceron os alumnos e alumnas obxecto do estudo chama a atención, segundo os autores do traballo, o importante número de horas que dedican aos videoxogos. Sobre todo porque a enquisa, con 136 preguntas, realizouse en xaneiro de 2020, é dicir antes do primeiro confinamento debido á pandemia. Isto fai presupoñer que ese número (nalgúns casos entre 3 e 5 horas) aumentou a partir do mes de marzo de pasado ano. Por contra, o consumo de drogas ou estupefacientes atópase por baixo da media nacional, segundo as repostas dadas nas enquisas.
A coordinadora do traballo destacou a importancia da base de datos creada con este traballo de investigación, que poderá ser utilizada máis adiante para continuar coa recollida de máis indicadores e a ampliación da propia investigación.
Entrevistas sociosanitarias Nesta edición houbo un accésit, que recaeu no traballo realizado por enfermeiras residentes de Atención Primaria. Tratouse dun estudo completamente diferente ao anterior, xa que baseouse na avaliación do impacto do uso das novas tecnoloxías na difusión on line de activos ou pautas de saúde. Delia Leal, Lucía Leirós, Miguel Ángel López e Natalia Vilas foron os autores da investigación, que basicamente consistiu na gravación, en formato de vídeo, de entrevistas con persoas recoñecidas de entidades e asociacións sociosanitarias da zona viguesa. Foron catro as entrevistas realizadas a outros tantos personaxes que mostraron ás cámaras as necesidades, carencias e acertos da actividade social e sanitaria en colectivos con dificultades, tanto por adiccións como enfermidades crónicas. En concreto falaron con representantes da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga, Asociación de Xordos de Vigo, Asociación de Dano Cerebral e Centro de Información á Muller de Ponteareas.
Visita nuestras redes sociales