• O IIS Galicia Sur consegue apoio da FECYT na principal convocatoria de axudas nacionais para a divulgación da ciencia, trala recente inclusión da súa UCC+I na Rede de Unidades de Cultura Científica e Innovación Estatal
• O IIS Galicia Sur prevé o investimento nestes dous proxectos de 95 mil euros, dos que 24 mil serán achegados pola FECYT a través da concesión destas axudas
• Promover a non discriminación e a eliminación do estigma en relación co VIH e divulgar á sociedade os avances científicos son os obxectivos xerais destas accións subvencionadas
• Esta concesión supón un gran soporte ao compromiso do IIS Galicia Sur para achegar a ciencia á sociedade
Vigo, 4 de agosto de 2023. A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, ven de aprobar a concesión de axudas ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para o desenvolvemento de dous novos proxectos de divulgación científica. Un deles, VIH-Ciencia Aberta, pretende contribuír á non discriminación e a vencer o estigma fronte ó VIH coa promoción de accións formativas e a xeración de contidos divulgativos que favorezan o coñecemento dos avances científicos neste eido. O segundo proxecto, está centrado no desenvolvemento do Plan Anual de Actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I), do propio IIS Galicia Sur.
Este apoio constitúe un pulo importante dentro do labor de divulgación científica á sociedade que ofrece o IISGS, xa que, tras o recoñecemento por parte da FECYT -o pasado mes de xaneiro- da Unidade de Cultura Científica e Innovación (UCC+I) do IISGS, lograr un apoio na principal convocatoria de axudas nacionais á divulgación da ciencia é moi destacable e está aliñado co esforzo realizado dende o IIS Galicia Sur no fornecemento da súa Unidade Comunicación e a UCC+I, realizado nos últimos meses.
O investimento total previsto para o desenvolvemento destas actuacións é de 94.527 euros, dos que 24.000 serán achegados pola FECYT a través desta concesión, estando previsto a execución destas accións dende ata o 30 de xuño de 2024.
Visita nuestras redes sociales