
De esquerda a dereita, os doutores Víctor Muñoz Garzón e José esteban Castelao Fernández, xunto coa doutora Carmen M. Redondo Marey, coordinadora da Unidade de Oncoloxía e Xenética, ante os preparados de Mico Mama 2.0
• O obxecto é analizar a súa capacidade de modular a microbiota intestinal e a función inmunitaria ante esta enfermidade, unha vez finalizado o tratamento convencional de radioterapia ou quimioterapia
• A función inmune ten un papel transcendental, xa que tras o diagnóstico a maioría das pacientes son tratadas con terapia antineoplásica e están inmunodeprimidas
• Nesta investigación participan a empresa biotecnolóxica Hifas da Terra, como entidade coordinadora; o centro tecnolóxico Leitat, de Barcelona, e o Grupo de Oncoloxía Xenética, Radiobioloxía e Radiointeracción do IIS Galicia Sur, ademáis de contar coa colaboración do Servizo de Oncoloxía Radioterápica – Galaria
• O interese suscitado por esta investigación transcendeu ata Francia, emitindo a televisión pública dese país unha reportaxe en que se inclúe este proxecto
Vigo, 28 de xullo de 2023. O Grupo Oncoloxía Xenética, Radiobioloxía e Radiointeracción do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, participa no proxecto de investigación Microinmunomama: Desenvolvemento de novos complementos nutricionais capaces de modular a resposta inmunitaria e microbiota intestinal, e estudo dos seus beneficios en cancro de mama, cuxo obxectivo é o estudo de biomarcadores en pacientes con cancro de mama ás que se lles forneceu un nutracéutico obtido a partir do cultivo de fungos co fin de analizar a súa capacidade de modular a microbiota intestinal e a función inmunitaria ante esta enfermidade, unha vez finalizado o tratamento convencional de radioterapia ou quimioterapia.
Microinmunomama, que se iniciou en xullo de 2020 e ten prevista a súa finalización en decembro deste ano, está financiado pola Axencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, cun total de 993.332,61 euros. Nel participan a empresa biotecnolóxica Hifas da Terra, como entidade coordinadora; o centro tecnolóxico Leitat, de Barcelona, e o IIS Galicia Sur a través da súa Fundación Biomédica Galicia Sur, colaborando na análise da validez funcional dun composto nutracéutico elaborado pola citada Hifas da Terra. Este composto, Mico-Mama 2.0, formulouse a partir de extractos de fungos medicinais, con potencial capacidade para incidir sobre a microbiota intestinal e estimular a resposta inmunitaria, co fin de mellorar a evolución e a recuperación de pacientes que sufriron cancro de mama.
Visita nuestras redes sociales