• Obtivo un premio por un traballo sobre radiofrecuencia na dor de ombreiro; e outro polo estudo sobre a utilización do plasma rico en plaquetas no tratamento da dor
• O servizo tamén conseguiu unha bolsa de investigación Grünenthal para un proxecto sobre tendinopatías crónicas do ombreiro
O servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo foi protagonista destacado nas xornadas científicas do Congreso da Sociedade Galega de Rehabilitación, ao obter dous premios por traballos científicos. O servizo, que dirixe o doutor Javier Juan, , investigador do Grupo de Neurociencia Translacional do IIS Galicia Sur, fíxose co premio ao mellor póster e á mellor comunicación no transcurso das xornadas científicas que se desenvolveron durante o congreso. “É un éxito para todos nós”, expresou o doutor Juan.
Os traballos premiados foron sobre “Experiencia no uso da radiofrecuencia pulsada no manexo da dor de ombreiro” presentado polo doutor René García e “Plasma rico en plaquetas. A nosa experiencia e retos futuros” presentado polo doutor Alejandro Herbello.
O servizo da Área de Vigo leva traballando con radiofrecuencia para a dor de ombreiro desde hai dous anos, cuns resultados importantes, xa que se produciu melloría no 70% dos casos tratados en pacientes con esta patoloxía. Ao mes realízanse entre 20 e 30 tratamentos deste tipo. Ademais, o servizo utiliza o plasma rico en plaquetas desde hai tempo para o tratamento da dor. O procedemento consiste en extraer plasma do paciente e despois de realizar unha preparación para enriquecer as plaquetas, vólveselle a infiltrar ao paciente. “As dúas experiencias son moi positivas no noso servizo e como consecuencia a súa exposición no recente congreso galego suscitou o recoñecemento dos nosos compañeiros de especialidade”, subliña Javier Juan.
Por outra banda, o proxecto de investigación presentado polo doutor René García, sobre “Bloqueo do nervio supraescapular vs bloqueo do nervio suprescapular e nervio axilar no tratamento de tendinopatía crónicas de ombreiro nas consultas de rehabilitación” obtivo a concesión dunha bolsa de investigación da Fundación Grünenthal, que apoia os traballos científicos relacionados coas patoloxías de dor.
Visita nuestras redes sociales