•A catedrática de Farmacoloxía e directora científica da Fundación Kærtor, Mabel Loza, pronunciou unha conferencia no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro no marco do programa de Seminarios de Investigación en Aberto organizados polo IIS Galicia Sur
• A científica sostén que a xeración de plataformas colaborativas e a investigación traslacional reducen considerablemente o tempo de desenvolvemento dun fármaco, chegando a acurtar os tempos ata nun 60 por cento
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur celebrou esta mañá a súa cuarta Sesión de Investigación dentro do Programa de Seminarios en Aberto coa conferencia pronunciada pola doutora en Farmacia, catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e directora científica e patroa da Fundación Kærtor, Mabel Loza, que baixo o título: Descubrindo os fármacos traslacionais. As sinerxias en innovación aberta, trasladou a súa ampla experiencia nos beneficios da investigación traslacional e na oportunidade que supón a xeración de sinerxias colaborativas no terreo da investigación sobre fármacos.
Previamente a esta conferencia, a directora científica do IISGS, Eva Poveda, introduciu á relatora referíndose a ela como “un referente a nivel mundial na investigación traslacional”. Tras iso, fixo un percorrido sobre as diferentes facetas en investigación e coordinación que Mabel Loza exerce, como: patroa fundadora e directora científica da Fundación Kærtor, coordinadora da subárea DPT (Diagnostico, prognostico e ferramentas terapéuticas) de Biomedicina da Axencia Estatal de Investigación (AEI) e coordinadora científica para Galicia do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde.
Na súa presentación, a directora Científica do IISGS lembrou, así mesmo, que participa en catro empresas biotecnolóxicas -dúas delas con fármacos en ensaios clínicos-, ademais do seu importante papel como coordinadora do grupo de investigación BioFarma e da Plataforma Innopharma da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Doutra banda, Eva Poveda, salientou a súa extensa produción científica, “ao publicar máis de douscentos artigos científicos indexados nas mellores revistas científicas do seu ámbito e participado en máis de cen proxectos de investigación público-privada dos que dezasete fármacos chegaron a ensaios clínicos en humanos.”, así como os premios e galardóns obtidos, entre os que se atopa o María Josefa Wonenburger Planells e o de Investigadora-Innovadora, do Foro de Empresas Innovadoras.
Cambio de paradigma
A introdución de doutora Loza á súa conferencia consistiu nun breve repaso á evolución da investigación farmacéutica nos últimos 50 anos, definindo un escenario “no que se buscaba unha solución a un problema en lugar de, a partir do problema, buscar a solución, tendo en conta no proceso sempre ao paciente e os resultados que se vaian obtendo”. Neste sentido, Mabel Loza afirma que houbo un cambio de paradigma “Ao pasar da postura de: ‘O meu laboratorio para o mundo’, ao novo de ‘o mundo é o meu laboratorio’”.
Coas miras sempre postas nos beneficios dunha investigación colaborativa e multidisciplinar, a científica propón no seu esquema aumentar este sistema mediante a “conexión de estruturas, xa que, na actualidade, estamos a ver que a maneira máis eficaz de investigar é a través de consorcios”, poñendo exemplos de investigación que emprega este sistema en países como Bélxica, Dinamarca ou o Reino Unido. Neste sentido, a doutora Louza explica que “estes consorcios non son colaboracións puntuais, se non que deben ser como grandes cidades modernas que se interconectan entre si”.
Exemplo recente: o COVID-19
Para salientar esta cuestión, Mabel Loza fixo referencia á rápida resposta dada polos laboratorios e a comunidade científica en procura da vacina contra o COVID-19, lembrando que “este proceso colaborativo e de trasferencia do coñecemento posibilitou chegar a uns resultados moito antes que nos prazos que se dan nunha investigación en época normal”, para o que lembrou o que enunciou o profesor da Universidade de Oxford, Chas Bountra, ao referirse ao traballo desenvolvido na vacina contra o COVID-19 na devandita universidade como “un dos maiores exemplos de trasferencia do coñecemento na historia”.
Por iso, Mabel Loza chega á conclusión de que: “Facer unha investigación de fármacos sen estar centrado no paciente é insuficiente” e móstrase máis lenta que empregando métodos colaborativos e multidisciplinares propios da investigación traslacional. “O noso obxectivo non é o fármaco en si, se non o paciente. Os teus mecanismos de investigación deben ser adaptados aos resultados cos pacientes, non ao revés. E esta metodoloxía está a darnos resultados de reducións de tempo de máis do 60 por cento comparados coa investigación tradicional”, finalizou a doutora Loza.
Método
A proposta que fai Mabel Loza, e en concreto, a fundación da que é directora científica e patroa fundadora: Kærtor, é o establecemento de conexións e sinerxias, non só co paciente, se non mediante a creación de plataformas de infraestruturas que, unindo esforzos e recursos, permitan competir ao mesmo ou mellor nivel que outras estruturas únicas consolidadas; potenciar a colaboración multidisciplinar e ampliar o networking, e, finalmente facer chegar as nosas experiencias incorporándoas a novas estruturas.
.
.
Visita nuestras redes sociales