• Trátase de nenas e nenos de 3º da ESO que mostraron un gran interese sobre o traballo científico
• Estas visitas enmárcanse dentro do programa de Xornadas de Portas Abertas do IISGS, comprometido co fomento dunha ciencia aberta á sociedade
Vigo, 6 de xuño de 2023.- Nunha nova Xornada de Portas Abertas, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur recibiu esta mañá a unha trintena de alumnas e alumnos de 3ª da ESO do Colexio Losada de Vigo, comezando esta visita cunha introdución teórica acerca do labor que se desenvolve no IISGS, explicándolles os diferentes grupos de investigación que o conforman as funcións do persoal científico, as distintas técnicas de investigación que se desenvolven e como é o seu traballo día a día na procura de novas terapias e tratamentos para as enfermidades.
O grupo, que estivo acompañado en todo momento por persoal investigador para ampliar as explicacións e resolver as súas dúbidas, tivo a oportunidade de comprobar diferentes técnicas prácticas deste traballo de laboratorio, como o sistema de realización de PCRs, como se toman mostras para unha análise de histoloxía ou como funciona un microscopio confocal, entre outras.
Estas Xornadas de Portas Abertas enmárcanse dentro do compromiso do IIS Galicia Sur de xerar unha ciencia aberta á sociedade e da difusión do coñecemento, ademais de axudar ás e os escolares para resolver as súas inquietudes cara á súa próxima formación universitaria e profesional, mostrándolles o traballo do investigador ou a investigadora e fomentando novas vocacións científicas entre as nenas e nenos en idade escolar no seu caso.
Visita nuestras redes sociales