O Servizo Galego de Saúde, a través do Servizo de Radiofísica e Protección Radiolóxica da empresa pública de servizos sanitarios Galaria, acaba de ser premiado nun congreso internacional, dentro do proxecto europeo SINFONIA. O premio foi concedido pola Sociedade de Medicina Nuclear e Imaxe Molecular de Estado Unidos e Canadá no seu último congreso á investigadora Mercedes Riveira Martín do IIS Galicia Sur, na modalidade de mellor traballo internacional.
O traballo, desenvolvido dende o SERGAS enmárcase no proxecto SINFONIA, un proxecto de catro anos no que participan 14 socios de diferentes perfís (universidades, institutos de investigación, hospitais e socios industriais), como o Hospital Universitario de Xenebra, e cuxo principal obxectivo é desenvolver novidosas ferramentas TIC, como intelixencia artificial ou análise computacional, para paliar os efectos nocivos da radiación sobre a saúde en doentes e persoal. SINFONIA está representado en España por dous socios estratéxicos, CESGA e SERGAS.
As comunicacións presentadas dende o equipo investigador que participa no proxecto, liderado por Antonio López Medina (Grupo de Investigación de Oncoloxía Xenética, Radiobioloxía e Radiointeracción), obtiveron un destacado protagonismo, xa que este recoñecemento súmase á aceptación de tres traballos como comunicacións orais noutros tres congresos europeos, dando conta do posicionamento da investigación do Sergas no ámbito internacional.
“Sen dúbida, son fitos que nos impulsan a seguir traballando nesta liña enfocada a reducir ó máximo os efectos nocivos da exposición á radiación, a través de solucións tecnolóxicas de vangarda que contribúan a mellorar a calidade e a esperanza de vida dos pacientes”, segundo explica o xefe de servizo de Radiofísica de Galaria, Manuel Salgado. “De feito, en setembro organizaremos no Hospital do Meixoeiro de Vigo outro curso de gran alcance sobre doses personalizadas e procedementos máis adecuados no campo da medicina nuclear, que nos dá unha idea do excelente papel do Sergas neste consorcio e a confianza dos outros socios”, conclúe.
SINFONIA, Intelixencia artificial para reducir os efectos adversos da exposición á radiación
SINFONIA é un proxecto de investigación de catro anos, financiado con seis millóns de euros polo programa H2020-Euratom. Formación de alta calidade dirixida a diferentes profesionais médicos e compartir coñecemento entre sociedades científicas de referencia son os eixos do programa. SINFONIA conta en España coa representación de só dous socios: o CESGA e o SERGAS; este último representado a través de tres institucións: o propio SERGAS, Galaria e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur a través da súa Fundación Biomédica.
A principal finalidade do proxecto é desenvolver novas ferramentas TIC e metodoloxías que se probarán en dous exemplos clínicos, o linfoma e os tumores cerebrais benignos e malignos.
Os obxectivos fundamentais de SINFONIA son:
• Desenvolver ferramentas de estimación de dose baseadas en métodos de dosimetría personalizados, ferramentas computacionais avanzadas, impulsadas por intelixencia artificial (IA).
• Realizar investigacións sobre a sensibilidade individual á radiación e a susceptibilidade ás segundas neoplasias malignas para a avaliación do risco en medicina.
• Desenvolver unha nova ferramenta de avaliación do risco de radiación do paciente e estimar as incertezas
• Realizar investigacións para apoiar a avaliación do risco de radiación para o persoal, as colchas, o público e o medio ambiente.
• Desenvolver e operar unha plataforma para datos de dose, imaxe e non imaxe.
• Proporcionar educación e formación multidisciplinar
Este proxecto recibiu financiamento do programa Euratom de investigación e formación 2019-2020 a través do aoerdo de subvención No 945196.
Visita nuestras redes sociales