• É froito da colaboración entre radiólogas e cardiólogos da nova Unidade de Imaxe Cardíaca posta en marcha o pasado ano e do IISGS
O servizo de Radiodiagnóstico do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de recibir un premio nacional no último congreso da Sociedade Española de Imaxe Cardiotorácica no que participaron 180 facultativos. O póster educacional titulado “Ventrículo dereito: que achega a TC?” foi premiado como un dos tres mellores traballos científicos de imaxe cardíaca.
Este estudo é froito do traballo conxunto que veñen realizando radiólogos e cardiólogos na nova Unidade de Imaxe Cardíaca, posta en marcha o pasado ano. A Unidade dotouse cun novo equipamento de alta tecnoloxía específico, 1 TC e 1 Resonancia Magnética. A autora principal é a radióloga Paula Rodríguez, do Grupo de Diagnóstico por Imaxe do IISGS, que coordina o doutor Juan Manuel Vieito, coa colaboración dos cardiólogos do Grupo de Cardioloxía do Instituto, que coordinao doutor Andrés Íñiguez.
Este estudo pon en valor as achegas da TC no estudo do ventrículo dereito, que durante tempo foi o lado esquecido do corazón, pero do que, cada vez máis, se recoñece o seu papel en moitas enfermidades cardiovasculares.
Segundo afirma a autora principal deste estudo, a radióloga Paula Rodríguez, “tradicionalmente, as técnicas de imaxe cardíaca orientábanse á valoración do ventrículo esquerdo porque sempre tivo máis importancia na patoloxía do corazón; con todo, nos últimos tempos constatamos que a TC achega información importante do ventrículo dereito que resulta útil para o prognóstico de determinadas patoloxías, como a embolia pulmonar aguda ou a hipertensión pulmonar, entre outras. Aínda que a ecocardiografía e a resonancia magnética son as técnicas de diagnóstico por imaxe de primeira liña, a TC permite valorar a disfunción ventricular dereita que é fundamental para o manexo de certas entidades e serve de apoio ao diagnóstico noutras como a miocardiopatía arritmogénica ou os tumores cardíacos”.
Outro dos procedementos nos que este estudo resulta moi útil é nas intervencións percutáneas para a reparación ou substitución da válvula tricúspide. A TC achega información fundamental para a planificación do procedemento, a elección da medida e tamaño das próteses e mesmo a elección do mellor momento para realizar esa intervención.
Visita nuestras redes sociales