Premiado un estudo sobre a detección precoz na Atención Primaria de problemas emocionais na mocidade
• Os Premios de Investigación en Atención Primaria e Comunitaria están organizados pola Unidade Docente da área Sanitaria de Vigo e o grupo de investigación en Servizos de Saúde (I-Saúde), do IISGS
• O traballo realizado pola EIR Inés Alonso, do centro de Saúde de Mos, alerta da necesidade de tomar certos comportamentos e actitudes como evidencia de problemas emocionais que poden derivar noutras patoloxías
• O accésit tamén o levou un estudo realizado por tres EIR para medir a eficacia do Programa TELEA en persoas con hipertensión
Vigo, 25 de maio de 2023. A identificación precoz en Atención Primaria de signos que alerten da presenza de problemas emocionais e conductuales na mocidade, a procura de recursos para o seu tratamento e a difusión á poboación e a contorna educativa da existencia de síntomas que permitan identificar esta situación é o obxectivo esencial do traballo realizado pola residente de Enfermería Familiar e Comunitaria de segundo ano no Centro de Saúde de Mos, Inés Alonso González, e que lle valeu facerse co primeiro premio da VII Edición de Premios de Investigación en Atención Primaria e Comunitaria.
Este evento, no que participan residentes de Atención Primaria, tanto médicos como enfermería, está organizado pola Unidade Docente da área Sanitaria de Vigo e o grupo de investigación en Servizos de Saúde (I-Saúde), do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. No acto de presentación e entrega de premios, que presidiu o xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, acompañado da directora Científica do IIS Galicia Sur, Eva Poveda; foi o marco no que a gañadora presentou o seu traballo, titulado: Xestión emocional na adolescencia, no que elaborou unha análise sobre unha poboación de 184 mozas e mozos mosenses, para o que contou coa colaboración do IES de Mos.
Síntomas clave
Nas súas conclusións esenciais, advirte que a presenza de síntomas de depresión e a ansiedade son causas evidentes da existencia de problemas emocionais na mocidade; ademais de subliñar que existe unha relación directa entre problemas de autoestima e de conduta alimentaria (estes últimos destacados nas mozas) que deben ser tidos moi en conta na atención primaria para identificalos como síntomas desta patoloxía. Segundo a autora do proxecto -e citando fontes da OMS-, un de cada sete adolescentes padece algún tipo de trastorno mental.
Para chegar a estas conclusións, a premiada empregou o Sistema de Avaliación de Nenos e Adolescentes (SENA) que contempla variables sociodemográficas (xénero, idade, curso académico) e 29 variables cualitativas incluídas en 7 escalas: Problemas Interiorizados (depresión, ansiedade, obsesión, sintomatoloxía postraumática…); Problemas Exteriorizados (de atención, hiperactividade, control de ira, condutas desafiantes e antisociais…); outros Problemas Específicos (conduta alimentaria, esquizotipia, consumo de substancias); Problemas Contextuais (familiares, na escola, cos/coas compañeiros/as); Vulnerabilidades (regulación emocional e procura de sensacións) e Problemas de Recursos Persoais (autoestima, integración e competencia social).
Tras este estudo, e para unha mellor xestión destes problemas emocionais na etapa adolescente, Inés Alonso González propón a difusión no ámbito sanitario, educativo e mesmo na poboación, de información que permita unha identificación clara destes síntomas, ademais de potenciar a actividade comunitaria e os equipos de Saúde Mental na Atención Primaria.
O xurado avaliou os traballos en función do seu interese para a práctica clínica en Atención Primaria, a súa orixinalidade, aplicación, impacto e metodoloxía. O premio foi o financiamento da inscrición, viaxe e aloxamento para a presentación do seu proxecto no congreso da European Xeral Practice Research Network (EGPRW), de profesionais da saúde involucrados na investigación en Atención Primaria.
Empleo de TELEA en pacientes HTA
O accésit co que se recoñece o segundo premio desta edición recaeu no traballo Uso das TIC no seguimento do paciente con HTA, de Myrian Barreiro Martínez, Lucía Bruquet Costa e Olalla Santos Vilariño, residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria de segundo ano nos Centros de Saúde do Val Miñor, Beiramar e Taboada Leal; respectivamente.
O obxectivo principal deste traballo é analizar a efectividade de incluír en teleseguimento, empregando a plataforma TELEA, aos pacientes diagnosticados de hipertensión arterial.
As autoras conclúen que o uso destas tecnoloxías empodera aos pacientes e os converte en axentes activos da súa propia saúde. Para isto, tomaron unha mostra de 115 pacientes, dos que 35 rexeitaron facer a proba por carencia ou pouca habilidade cos smartphones (persoas con máis de 63 anos).
O estudo foi sobre un total de 83 pacientes, sendo 70 persoas as que chegaron ao final da proba. A idade media foi de 58,6 anos e os resultados conclúen que non existen diferencias significativas nos datos achegados por estas persoas coas cifras que poderían ser obtidas nunha consulta persoal. Así mesmo, indican como unha fortaleza esencial o alto grao de formación que existe entre profesionais e pacientes da plataforma do Sergas TELEA, aínda que se detectan algúns erros na aplicación que hai que subsanar. Aínda así, este sistema permite un seguimento activo do paciente crónico, que case non ten que acudir presencialmente á consulta.
Visita nuestras redes sociales