REPERCUSIÓN MEDIÁTICA
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur porá en marcha tres novos proxectos de investigación grazas á exitosa participación dos seus grupos na convocatoria para Proxectos de Investigación da Acción Estratéxica en Saúde 2018. Os grupos NeumoVigoI+i, Neurociencia Traslacional, e I-Saúde son os beneficiarios destas axudas, e recibirán en conxunto 180.000 € que lles permitirán pór en práctica as súas propostas a comezos de 2019.
Estudio SocioEpoc
Dirixido por Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Pneumoloxía da EOXI de Vigo, este proxecto estudará os factores sociosanitarios relacionados co consumo de recursos sanitarios e o prognóstico de pacientes hospitalizados por unha agudización de EPOC (enfermidade pulmonar obstrutiva crónica). É un estudo pioneiro en incluír a dimensión sociosanitaria, cunha adecuada valoración da problemática social destes pacientes e a súa contorna (situación económica, vivenda, recursos, apoio familiar, sobrecarga do coidador, dependencia…). Forman parte do equipo as investigadoras do grupo NeumoVigoI+i Cristina Represas (pneumóloga) e Sara Fernández (traballadora social), e os pneumólogos Rafael Golpe Gómez (Área Sanitaria de Lugo) e Pedro Marcos Rodríguez (Área Sanitaria da Coruña).
A depresión no mundo laboral
O ensaio “Prevención da depresión no medio laboral mediante unha intervención personalizada baseada en algoritmos de risco, TICs e sistemas de axuda ás decisións: ensaio controlado aleatorio” ten como obxectivo principal deseñar, desenvolver e avaliar unha intervención personalizada para previr a depresión no ámbito laboral, baseada en tecnoloxías da información e comunicación (TICs), algoritmos de risco preditivos e sistemas de apoio ás decisións para os traballadores empregados. Trátase dun ensaio que se realizará en poboación traballadora de empresas públicas ou privadas de 7 provincias de 6 comunidades autónomas españolas (Andalucía, Aragón, Castela-León, Cataluña, Baleares e Galicia). A investigadora principal en Galicia é Julia Bóveda Fontán, médica de familia do Centro de Saúde de Colmeiro da EOXI de Vigo, e participan no equipo colaborador M. Teresa Ferreiro Losada e M. José Rodríguez Pérez, tamén do grupo I- Saúde; Beatriz González Sánchez e Ernesto López- Valeiras, do grupo BioCost do IIS Galicia Sur; e Jesús Casal Gómez, do Ministerio de Sanidade.
Julia Bóveda, investigadora do grupo I-Saúde do IIS Galicia Sur
O deterioro cognitivo na depresión
O terceiro proxecto que obtivo financiamento foi a “Busca de biomarcadores e estudo do microARNoma do deterioro cognitivo asociado á depresión”
Trátase dun proxecto dirixido ao desenvolvemento de novos marcadores clínicos e biolóxicos que permitan detectar a deterioración cognitiva asociada ao trastorno depresivo maior. Consiste, basicamente, en identificar la demencia antes de que aparezca, a través del estudio de pacientes depresivos con trastornos cognitivos mayores de 50 años.
Está liderado por Roberto Carlos Agís Balboa, investigador Ramón e Cajal do grupo de Neurociencia Traslacional e o equipo investigador, integrado por profesionais do IIS Galicia Sur e da EOXI de Vigo, está formado por Tania Rivera Baltanás (investigadora posdoutoral), M.ª do Carmen Vallejo Curto (enfermeira), Vanesa Val Varela (responsable do Biobanco-IISGS), M.ª Águeda Vermello Pantoja (psicoxeriatra), M.ª José Moreno Carretero (neuróloga), Rafael Fernández Martínez (psicólogo clínico) e Daniel Soto Pérez (xeriatra).
Roberto Agís-Balboa, investigador do IIS Galicia Sur
A Acción Estratéxica en Saúde
A AES está promovida polo Instituto de Saúde Carlos III (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e é a principal ferramenta de financiamento público de I+D+i no ámbito da investigación traslacional en biomedicina e fomento da súa actividade investigadora. O seu principal obxectivo é contribuír a fomentar a saúde e o benestar da cidadanía, así como desenvolver os aspectos preventivos, diagnósticos, curativos, rehabilitadores e paliativos da enfermidade, reforzando e incrementando a competitividade internacional da I+D+i do Sistema Nacional de Saúde.
Comprende un conxunto de actuacións destinadas a promover a mobilidade do persoal de investigación, o fortalecemento das estruturas da I+D+i en rede e o desenvolvemento de proxectos de investigación en Saúde. A esta última modalidade concorren anualmente uns 1.800 equipos de investigación de entidades e institucións sanitarias, organismos públicos de investigación (OPIs) e Universidades, dos cales ao redor dun 35% consegue financiamento, o que a converte nunha das actuacións máis competitivas no ámbito investigador.
Visita nuestras redes sociales