· O oncólogo Jesús García Mata analiza esta posibilidade para a súa aplicación no rural galego nun artigo publicado no blog de PERSIST
· O doutor García Mata, xefe do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, dirixe o aspecto clínico do seguimento de pacientes para o proxecto
Unha sinxela pregunta serve para unha reflexión máis profunda sobre o futuro da asistencia sanitaria en determinadas zonas do rural galego, cos seus problemas de envellecemento e dispersión da poboación. “Son as novas tecnoloxías un apoio real aos sistemas de saúde nas zonas rurais?”.
É p título da entrada no blog do proxecto PERSIST H2020, que realiza o oncólogo e membro do Grupo de Oncoloxía Dixestiva GIODO do IIS Galicia Sur, Jesús García Mata, que dirixe o seguimento dos pacientes españois que participan no devandito proxecto europeo.
No artigo, o doutor García Mata fai unha descrición sobre as características da poboación de moitas zonas rurais galegas e máis en concreto, na provincia de Ourense, na que exerce como xefe do servizo de Oncoloxía do CHOU.
Tras describir someramente en que consiste o seguimento dos 40 pacientes que o Sergas seleccionou para o proxecto (20 que foron diagnosticados de cancro de mama e outros 20 diagnosticados de cancro colorrectal), avalía no artigo a posibilidade de que a tecnoloxía que se emprega, tanto no reloxo intelixente como no teléfono móbil que levará cada un dos pacientes, póidase aplicar ao seguimento doutros factores e parámetros relacionados con patoloxías crónicas en persoas de idade avanzada.
Na última parte do seu artigo desagrega os problemas, que ao seu xuízo, existen para implantar esa forma de asistencia sanitaria en zonas do interior de Galicia: pouca cobertura da internet, escaso coñecemento das novas tecnoloxías por parte da poboación máis maior e tamén, a reticencia dalgúns profesionais da sanidade a este tipo de evolución.
“En consecuencia, para impulsar o desenvolvemento e implementación destas novas ferramentas creadas para facer máis fácil noso día a día, requírese non só o esforzo dos científicos, senón tamén o esforzo das administracións e profesionais para facilitar o camiño”, conclúe o doutor García Mata.
Visita nuestras redes sociales