• Trátase dun traballo conxunto do Grupo de Enfermidades Infecciosas do IIS Galicia Sur e do servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Vigo
• A finalidade é poder tratar precozmente á poboación de risco con plasma de persoas que xa pasaron a infección polo virus
O proxecto de investigación COVID para o tratamento precoz da poboación de risco con plasma hiperinmune de persoas que xa pasaron a infección obtén resultados prometedores, dos que se poderán extraer conclusións en poucos meses, mesmo a finais do presente ano.
O traballo é un proxecto conxunto no que interveñen o grupo de Investigación en Enfermidades Infecciosas do IIS Galicia Sur, que coordina a doutora María Teresa Pérez, e o servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Vigo, que dirixe a doutora Carmen Albo. Un estudo que comezou a pouco de declararse a pandemia, pero que se acelerou nos últimos meses. Ata o de agora participaron na investigación medio centenar de persoas e ningunha delas chegou a estar grave.
A investigación baséase en comprobar o comportamento do tratamento mediante a inoculación de plasma hiperinmune en persoas que están incluídas dentro da poboación de risco. E facelo de forma precoz, é dicir para que o tratamento faga efecto e evite que esas persoas, de chegar a contaxiarse co COVID-19, poidan facer fronte á infección con maiores garantías e con menos gravidade.
O perfil do paciente de risco susceptible de participar no estudo é o dunha persoa con máis de 65 anos e con determinados problemas de saúde por patoloxías cardíacas ou respiratorias.
Visita nuestras redes sociales