• É unha das accións incluídas no proxecto de investigación ‘Practicum Direct’, financiado por Gain
• O traballo realízase a través de entrevistas a responsables de atención primaria e hospitalaria
Desenvolver unha ferramenta de apoio á toma de decisións na xestión sanitaria nun contexto como o provocado pola covid-19 é o obxectivo de Practicum Direct, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), do que tamén forma parte o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo. Xunto ao desenvolvemento dunha ferramenta de simulación, baseada en intelixencia artificial e estatística avanzada, o proxecto coordinado polo grupo de investigación eHealth en áreas sanitarias integradas busca tamén coñecer como foi esa toma de decisións nas diferentes ondas da pandemia, a través dunha serie de entrevistas a directivos, xestores e persoal médico, tanto de atención primaria como hospitalaria.
Trátase dun traballo que se iniciou o pasado ano con responsables e persoal de diferentes centros de saúde e continúan neste 2022 pondo o foco no contexto hospitalario. Co foco nesta liña de traballo, a semana pasada celebrouse unha reunión na que participaron os coordinadores de Practicum Direct, Modesto Martínez, médico e responsable da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés e Ismael Said médico internista do Hospital Álvaro Cunqueiro, xunto co coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 e decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, Enrique Varela, quen salienta que “Estamos realizando entrevistas semiestruturadas para conseguir comprender como tomaron decisións no marco do inicio da pandemia” co propósito de abordar dúas “dimensións complementarias pero que teñen racionalidades distintas”.
Pola súa banda, Said sinala que “Practicum Direct é un proxecto cunha perspectiva moi tecnolóxica, moi de xestión de datos masivos, pero grazas á colaboración da Universidade conseguiuse avanzar moito nun subproxecto que ten que ver coa aprendizaxe en canto á xestión de toma de decisións nun momento de máxima incerteza, como foi a primeira onda da covid-19”.
Practicum Direct é un proxecto financiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), na convocatoria de axudas para rescate de proxectos galegos ISCIII-Fondo COVID-19 (código IN845D-2020/03) e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no Programa Operativo Feder Galicia Unha maniera de facer Europa 2014-2020. Cun orzamento de máis de 270.000 euros, reúne no seu equipo de traballo a profesionais sanitarios de diferentes perfís, así como a expertos en enxeñaría ou xestión pública, entre os que se atopan os tamén investigadores do Observatorio da Gobernanza Óscar Briones e Bruno González, así como a consultora de saúde pública Olga Solas, que participou nesta xuntanza de forma virtual.
“Non é posible tomar unha decisión baseándonos só nos datos, polo que había que ter en conta esa visión máis de políticas públicas”, salienta Said dunha liña de traballo que lles está permitindo rexistrar “as sensacións, as necesidades e as reflexións das persoas que estiveron diante da xestión da pandemia”. Centrada na análise das diferentes ondas desde a perspectiva dos “informantes clave”, ata a data realizáronse unha decena de entrevistas a persoal directivo e xestores de centros sanitarios. Neste punto, Varela pon de relevo como esa definición dun modelo de toma de decisións ten que ir máis aló de aspectos clínicos e analizar tamén “modelos que están baseados nas percepcións dos xestores e dos cadros profesionais, tanto sanitarios como mesmo do persoal de administración”.
Trátase, como salienta Said Criado dun “exercicio de aprendizaxe que vainos servir de moito, porque o obxectivo final é aprender do ocorrido para poder asumir no futuro novas pandemias ou catástrofes”. Da información reunida, explica, extraeranse “mapas conceptuais” nunha “liña paralela” á centrada no traballo con datos masivos do sistema sanitario. “Estamos xerando un modelo de decisión con dúas patas, que ten que ver coa xestión pública, pero tamén relacionado coa evidencia científica baseada en datos”, salienta o coordinador, xunto con Martínez, de Practicum Direct.
Visita nuestras redes sociales