Os talleres didácticos Divulgamente, organizados no marco do Programa Rede Paraugas Alzhéimer, constitúen un proxecto de sensibilización interxeracional, impulsado pola Fundación Barrié e a Federación Alzhéimer Galicia, que ten como obxectivo mostrar dunha maneira próxima e dinámica que son as demencias, como afectan o cerebro e as diferentes demencias existentes, achegando aos máis novos a realidade desta doenza que afecta en Galicia a preto de 70.000 persoas.
Ademais de dar a coñecer entre os máis novos a enfermidade de Alzhéimer, difúndese o traballo que realiza a rede de asociacións galegas de Alzhéimer para fomentar as relacións interxeracionais e promover hábitos de vida saudables como o mellor antídoto contra o desenvolvemento de enfermidades de carácter cardiovascular e neurolóxico.
Como en anteriores ocasións, o investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do IIS Galicia Sur, Carlos Spuch, foi o encargado de aproximar de modo ameno como funciona o noso cerebro e que efecto provoca a enfermidade de Alzhéimer nel a través da charla divulgativa “Coñecer mellor o Alzhéimer”, que impartiu no mes de outubro nos centros educativos da Coruña, Monforte e Ourense elixidos para esta edición, na que participaron máis de 400 alumnos e alumnas: o Liceo, A Paz, Chíos Formación, CIFP Anxel Casal, IES David Buján, CPR Tomás Barros e CPR Cruz Vermella na Coruña; o Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos; e o IES Uxío Nespereira de Ourense.
Ademais das charlas divulgativas, Divulgamente inclúe outras actividades:
- Xornadas de sensibilización na aula, nas que profesionais da asociación de referencia na localidade, acoden ao centro educativo a explicar as actividades, terapias e protocolos que se realizan desde as asociacións para atrasar o avance da enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas con alzhéimer e as súas familias.
- Visita a un centro de día de Alzhéimer, o que permite ao alumnado ver e coñecer un centro especializado en demencias e as actividades que se realizan no mesmo, sendo partícipes das mesmas durante a visita.
As asociacións participantes desta edición foron AFACO, AFAOR e AFAMON.
Visita nuestras redes sociales