
Pé de Foto: de esquerda á dereita, Eva Poveda López, directora Científica do IISGS; Carlos Spuch Calvar, investigador do IISGS, Pedro Núñez Seoane, Inés Estévez González, Eva López Tarrío, directora do IES Valadares, e máis Silvia Pascual Fernández e Carmen Boado, titora e coordinadora, ámbalas dúas tamén do IES Valadares de Vigo
• A directora Científica do IISGS, Eva Poveda, mostrou a súa satisfacción por esta colaboración que “axuda a espertar vocacións científicas”
• Unha alumna e un alumno de bacharelato do IES Valaderes de Vigo, presentaron hoxe o resultado de dous anos de traballo titorizados polo investigador do IISGS, Carlos Spuch
Vigo, 22 de marzo de 2022. A colaboración existente por parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas con centros de ensino secundario que desenvolven currículos STEMbach tivo esta mañá unha nova mostra coa exposición do traballo desenvolvido por Inés Estévez González e Pedro Núñez Seoane do IES Valadares de Vigo, titulado: A Proteómica do Leite Materno.
Previamente a esta exposición, realizada esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a directora Científica do IIS Galicia Sur, e membro do tribunal que os avaliaría, Eva Poveda, deulles á benvida ao IISGS, salientando a “oportunidade desta iniciativa do STEMbach para dar a coñecer ás rapazas e rapaces a forma de traballar nunha institución científica, compartir experiencias con investigadoras e investigadores e a excelente oportunidade que este traballo abre cara a espertar vocacións ao alumnado que se atopa a piques de ter que decidir o seus estudos universitarios”. Así mesmo, Eva Poveda agradeceu á directora do IES Valadares e ao resto das docentes que asistiron ao acto “o desenvolvemento desta iniciativa no seu centro, xa que posibilita ás alumnas e alumnos a ver o mundo real que existe tras o bacharelato”
Así, a directora Científica quixo deixar patente que esta vinculación do IISGS co sistema STEMbach supón unha actividade máis de desenvolvemento da investigación e innovación responsables que realiza o Instituto e o seu compromiso co achegamento da ciencia á cidadanía, a divulgación e o fomento de vocacións científicas.
A influencia do leite materno no crecemento do sistema nervioso
Inés Estévez González e Pedro Núñez Seoane expuxeron a súa experiencia ao longo destes dous cursos, que compaxinaron coa súa actividade docente propia no instituto. O punto de partida baseouse na tese de que, o leite materno, como alimento na primeira parte de vida debe contar con reguladores moleculares que sexan capaces de inducir o crecemento do sistema nervioso e podería estar nel a clave deste neuro-desenvolvemento acelerado, toda vez que actualmente non existe ningún fármaco nin molécula que poida inducir á recuperación e rexeneración dunha lesión cerebral.
Neste tempo, estiveron titorizados polo investigador sénior do Grupo de Neurociencia Translacional do IISGS, Carlos Spuch Calvar, e pola profesora do IES Valadares, Silvia Pascual Fernández, asesorándolles en como achegarse ao proceso de investigación, á súa metodoloxía, ao traballo no laboratorio, ás fontes de consulta, á interpretación dos datos obtidos e á formulación das conclusións.
Desta forma, o investigador e titor científico do traballo, Carlos Spuch, os introduciu en aspectos básicos axeitados ao seu coñecemento do traballo que está a desenvolver o propio Grupo de Neurociencia Translacional do IIS Galicia Sur neste mesmo sentido, comezando a investigación desta rapaza e rapaz identificando a presenza no leite materno de reguladores moleculares (miRNAs, proteínas, isoformas e péptidos) relacionados coas células do sistema nervioso.
Tras esta exposición, o tribunal que avaliou o traballo de Pedro Núñez e Inés Estévez, formado pola directora Científica do IISGS, Eva Poveda; a directora do IES Valadares, Eva López Tarrío e máis a coordinadora do centro educativo, Carmen Boado, deu a noraboa por unha investigación que cualificaron como “excelente”, outorgándolles un sobresaínte.
Fomento das vocacións científicas
STEMbach é un bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao abeiro da Estratexia Galega de Educación Dixital EDUDixital 2020 da Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo favorecer a adquisición de competencias clave no ámbito STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría matemática) sempre desde unha perspectiva ampla e transversal, e promover vocacións no alumnado mediante a investigación científica e tecnolóxica, permitindo unha conexión directa co ensino universitario para o fomento do coñecemento. Para o desenvolvemento do proxecto contan cunha mentoría de persoal investigador que os apoia ao longo de todo o proceso, presentando ao final o seu traballo ante un tribunal.
Á finalización deste acto, tanto Inés Estévez como Pedro Núñez responderon ás preguntas do tribunal con respecto á experiencia obtida, os aspectos máis positivos e as dificultades atopadas ao longo deste traballo. Neste sentido, Inés Estévez destacou que o traballo “serviume para aclarar dúbidas acerca da miña vocación e decantarme polo estudo das ciencias, aínda que non sei se química ou bioloxía. Ademais -continuou a alumna- axudoume a ver doutra forma aos hospitais, nos que non só existen médicos e persoas enfermas, senón que se realizan tarefas de investigación”.
Visita nuestras redes sociales