O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) participa no estudo europeo SINFONIA, sobre os riscos que implica o uso de radiacións ionizantes no diagnóstico e tratamento de pacientes con linfomas ou tumores cerebrais. Ademais, o proxecto busca desenvolver métodos de dosimetría personalizada para traballadores implicados no manexo de novos radiofármacos, utilizados en procedementos de Medicina Nuclear, como o Lu-177, I-131 e Ga-68.
Trátase dun proxecto de investigación no que Galicia ostenta a representación de España a través de dúas entidades. Unha delas é o IISGS. No mesmo interveñen centros sanitarios e universidades de Austria, Grecia, Suecia, Bélxica, Polonia, Suíza e Alemaña. O traballo ten unha duración de 4 anos e as súas conclusións deberán estar listas en agosto de 2024. Esta investigación enmárcase dentro do programa H2020- Euratom-1 da Comisión Europea e conta cun financiamento global de case 6 millóns de euros, dos que case 300.000 están destinados á parte do IIS Galicia Sur.
O Dr. Antonio López Medina, radiofísico do Hospital do Meixoeiro e membro do Grupo de Oncoloxía Xenética, Radiobioloxía y Radiointeracción, é o investigador principal do proxecto no IIS Galicia Sur, no que ademáis investiga Mercedes Riveira Martín, que desenvolve a súa tese doutoral a partir dos resultados do proxecto, así como outros membros dos servizos de Radiofísica e Protección Radiolóxica, Medicina Nuclear, Oncoloxía Radioterápica e Informática do Hospital do Meixoeiro.
Un plan para profesionais e poboación
“O obxectivo principal do proxecto SINFONIA é desenvolver metodoloxías e ferramentas novas que proporcionarán unha avaliación do risco dos efectos prexudiciais da exposición á radiación en enfermos, traballadores, coidadores, cidadáns e medio ambiente durante o tratamento de pacientes sospeitosos ou diagnosticados con linfoma e tumores cerebrais”, explica López Medina. O traballo científico desenvolverá novos métodos e ferramentas de avaliación de riscos e dosimetría personalizados para estimar a carga de radiación nos pacientes sometidos a procedementos radiolóxicos, de medicina nuclear e radioterapia de última xeración. Ademais, pretende reforzar a avaliación de riscos para o persoal exposto, a cidadanía e o medio ambiente durante os procedementos de medicina nuclear e terapia de protóns.
Tamén busca determinar o grao de variabilidade do paciente na sensibilidade á radiación para o risco de desenvolver neoplasias malignas secundarias e deseñar e desenvolver técnicas de xestión de datos para o manexo de datos de exames con e sen imaxes para sesións de radioterapia. Desenvolverase un repositorio de datos para almacenar datos, así como para o despregamento de algoritmos de Intelixencia Artificial nunha plataforma en liña.
Antonio López Medina considera que “os resultados da investigación de SINFONIA para os dous exemplos clínicos, linfoma e tumores cerebraais, tamén serán aplicables a outras enfermidades”. De feito, subliña que “as ferramentas de dosimetría personalizadas impulsadas por Intelixencia Artificial proporcionarán coñecementos avanzados sobre os parámetros que afectan o detrimento da radiación; e isto axudará a equilibrar os riscos e beneficios dos procedementos de radiación ionizante e a desenvolver estratexias de optimización de dose”.
Ademais, os estudos de bioloxía da radiación identificarán as persoas con maior susceptibilidade de desenvolver cancro por exposición á radiación ionizante. SINFONIA tamén organizará formación multidisciplinar de alto nivel no campo da dosimetría das radiacións, a avaliación de riscos e a protección radiolóxica e desenvolverá recomendacións sobre protección radiolóxica.
Visita nuestras redes sociales