• O Programa de Medicina Preditiva da iniciativa IMPaCT incidirá nunha cohorte de 200.000 persoas en toda España e ten como fin analizar a orixe das principais enfermidades que sofre a poboación do noso país
• Eva Poveda, responsable do grupo Viroloxía e Patoxénese, e Ana Clavería, líder do Grupo Servizos de Saúde – ‘I Saúde’, representan ao IIS Galicia Sur na iniciativa
• Ana Clavería está á fronte do Nodo Galicia Sur, que estudará a un grupo dunhas 4.000 persoas a través dos centros de saúde da zona, tanto do ámbito rural como do urbano
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) integrante da Alianza de Institutos de Investigación Sanitaria acreditados do Instituto de Saúde Carlos III, participa na iniciativa IMPaCT, desenvolta desde esta entidade, na que colabora para levar adiante un ambicioso programa de análise sobre unha cohorte de 200.000 persoas de toda España para coñecer aqueles factores poboacionais, xenómicos, ambientais e da contorna que inciden sobre a súa saúde, podendo determinar mellor desta forma a súa orixe, tratamento e prevención.
No caso de Galicia, a iniciativa está coordinada a través dos institutos de investigación e en representación do IISGS participan Ana Clavería, investigadora responsable do Grupo Servizos de Saúde – ‘I-Saúde’, e a investigadora responsable do Grupo de Viroloxía e Patogénesis – VIP, e da Cohorte COVID-19 do IISGS (COHVID-GS), Eva Poveda, actual directora científica do IIS Galicia Sur.
A doutora Ana Clavería, será a coordinadora deste estudo no seu ámbito de actuación territorial, prevéndose a análise dunha cohorte dunhas 4.000 persoas (12.000, en toda Galicia). Segundo a propia responsable, “é un proxecto a vinte anos e estará centrado en enfermidades cardiovasculares ou respiratorias”.
Trátase dun programa de medicina preditiva que ten por obxectivo, como explica a doutora Clavería, “coñecer o papel dos hábitos, a susceptibilidade xenética e as características específicas da poboación española e da nosa contorna na orixe das principais enfermidades e problemas de saúde”.
O proxecto recompilará información dos participantes a través de cuestionarios, exploracións físicas, probas fisiolóxicas e análises de biomarcadores en mostras biolóxicas, que se realizarán en cada centro de saúde. Os datos estarán dispoñibles para o desenvolvemento doutros proxectos científicos de interese para a sociedade.
O papel da Atención Primaria é esencial neste estudo, no que participarán cincuenta centros de saúde (centros IMPaCT) repartidos por toda España, desde os que se conectará e monitorizará aos participantes, de entre 16 e 79 anos, seleccionados aleatoriamente.
Mellorar a saúde e previr enfermidades, obxectivo esencial
O desenvolvemento do Proxecto IMPaCT (Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e a Tecnoloxía), creado desde o Instituto de Saúde Carlos III, apóiase en tres piares: Medicina Preventiva, Ciencia de Datos e Medicina Xenómica. Esta actuación enmárcase dentro do primeiro destes piares, que ten como fin: abordar o deseño e establecemento dunha cohorte de base poboacional representativa da poboación residente en España, a súa variabilidade étnica, diversidade xeográfica e ambiental, coa participación de todas as comunidades autónomas e seguimento prospectivo. Todo iso co obxectivo de contribuír ao deseño de estratexias de precisión e modelos preditivos na prevención primaria, diagnóstico precoz e tratamento temperán das principais enfermidades.
.
Visita nuestras redes sociales