• O obxectivo é previr, mediante unha ferramenta dixital a través dunha app, este tipo de situacións en empregados de empresas
• O ensaio clínico realízase en toda España, conta con financiamento do IS Carlos III e o IISGS pilótao en Galicia
• Está dirixido a apoiar a traballadores con malestar psicolóxico que estean en risco de caer en depresión
O Grupo I-Saúde do IIS Galicia Sur participa nun proxecto nacional que pretende previr a depresión derivada dos problemas no traballo. Para iso conta cunha ferramenta dixital a través dunha app denominada e-predictD-work. O grupo investigador do IISGS coordina os estudos en Galicia, que ten en marcha o proxecto PI18/01531.
O estudo desenvolveuse no Instituto de Investigación Biomédica de Málaga que dirixe o ensaio a nivel nacional. O proxecto está financiado polo Instituto de Salud Carlos III. A responsable do Grupo I- Saúde, Ana Clavería, é a encargada de coordinar os traballos do ensaio clínico a nivel galego. O equipo investigador xa pilotou a posta en marcha da aplicación dixital e comezou a procura de 3.000 persoas que participen no ensaio clínico.
A investigación está dirixida a persoas que presentan malestar psicolóxico e que estean en risco de caer en depresión. A avaliación realízase mediante un cuestionario inicial xa avalado pola experiencia.
O programa é preventivo, gratuíto e anónimo. Ofrece ferramentas para reducir os síntomas iniciais da tensión ou a ansiedade, sempre adaptándose á a situación de cada usuario.
Visita nuestras redes sociales