• O programa permitirá a adquisición de competencias dixitais para as necesidades actuais e futuras derivadas da integración de novas solucións no tratamento do cancro
• O orzamento total é de 2,3 millóns de euros achegados pola Comisión Europea mediante o Programa EU4 Health
• A doutora Ana Clavería Fontán, líderdo Grupo de Investigación en Servizos de Saúde (I-Saúde) do IIS Galicia Sur, coordina esta participación do IISGS
Vigo, 25 de abril de 2023.- O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur participa nun novo proxecto, subvencionado pola Unión Europea, destinado á mellora das habilidades dixitais dos profesionais de atención do cancro en Europa. Digital TRANSition and dIgiTal resIlience in ONcology – TRANSiTION, que é como se denomina este proxecto, permitirá a adquisición de competencias dixitais, tanto a facultativos, coma auxiliares e mesmo pacientes, para as necesidades actuais e futuras que podan xerarse pola integración de novas solucións dixitais no tratamento do cancro.
A estratexia para acadar este obxectivo é mapear o estado actual da capacitación e educación en competencias dixitais e realizar unha análise das necesidades neste ámbito dos profesionais clínicos e non clínicos, coidadores e pacientes, introducindo un enfoque de co-creación que reúna a profesionais de centros clínicos, educativos, asociacións de pacientes, universidades e hospitais incidindo sobre un total de 9.000 persoas en toda Europa. O horizonte de traballo estableceuse entre o 1 de marzo de 2023 e o 28 de febreiro de 2025.
Participación galega
Para o seu desenvolvemento, TRANSiTION reúne a un consorcio interdisciplinario de 27 socios de 15 estados membros cunha ampla experiencia no desenvolvemento, avaliación e a implementación con éxito de programas de capacitación e desenvolvemento profesional continuo en saúde. O orzamento total é de 2,3 millóns de euros achegados pola Unión Europea, a través o Programa EU4 Health.. No caso de Galicia, participa o IIS Galicia Sur, a través do SERGAS e da Fundación Biomédica Galicia Sur, cun orzamento total de 141.170 euros.
A participación galega neste proxecto virá da man do Grupo de Investigación en Servizos de Saúde (I-Saúde), do IIS Galicia Sur, liderado pola doutora Ana Clavería Fontán, do Gabinete Técnico de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo; que colaborará na análise da situación actual e desafíos futuros, a análise das necesidades e requisitos dos usuarios finais, deseño dos módulos formativos e avaliación, e difusión e comunicación.
Metodoloxía
TRANSiTION céntrase na creación dun programa de educación e formación de vangarda para profesionais sanitarios e non clínicos que permitirá a adquisición de habilidades e competencias dixitais para las necesidades actuais e vindeiras. Para lograr este obxectivo, o primeiro paso que dará consiste nun mapeo rigoroso do estado actual da capacitación e educación de habilidades dixitais en toda Europa, e se complementará coa análise das necesidades dos profesionais da saúde, os profesionais non clínicos, pacientes e os e as coidadoras.
De seguido, TRANSiTION introducirá un enfoque innovador para practicar habilidades dixitais a través de actividades de aprendizaxe (resolución de problemas, traballo en equipo, comunicación, etcétera…) empregando as TIC como potenciadoras. Desta forma, espérase que o programa fomente a mellora das habilidades e a reciclaxe no contexto das solucións de saúde dixitais. Tamén, apoiará unha transición rápida cara modelos de saúde máis efectivos e centrados no/na paciente.
As áreas de enfoque poderán incluír os usos actuais e futuros da telemedicina, as aplicacións móbiles de saúde e/ou a mensaxería automática aos e ás pacientes. O proxecto tamén axudará a identificar posibles recursos dixitais novos e inexplorados que poderían introducirse para mellorar a eficiencia e a eficacia da práctica do tratamento do cancro.
A fase final deste proxecto TRANSiTION consistirá en avaliar o impacto do proxecto e como podería expandirse en Europa co apoio de colectivos, asociacións de pacientes e socios privados.
SOCIOS DO PROGRAMA TRANSITION: – EUROPEAN CANCER PATIENT COALITION (ECPC), Bélxica; – EUROPEAN ONCOLOGY NURSING SOCIETY (EONS), Bélxica; – SERVIZO GALEGO DE SAUDE (SERGAS), España; – EUROPEAN CANCER ORGANISATION (E.C.O.), Bélxica; – SVEUCILISTE JOSIPA JURJA STROSSMAYERA U OSIJEKU MEDICINSKI FAKULTET OS IJEK (MEFOS), Croacia; – KLINICKI BOLNICKI CENTAR SPLIT (KBC SPLIT), Croacia; – PADAGOGISCHE HOCHSCHULE HEIDELBERG (PHHD), Alemaña; – ASSOCIACAO DE INVESTIGACAO DE CUIDADOS DE SUPORTE EM ONCOLOGIA (AICSO), Portugal; – MITROPOLITIKO COLLEGE ANONYMI EKPAIDEYTIKI ETAIRIA (MITROPOLITIKO), Grecia; – LINAC-PET SCAN OPCO LIMITED (GOC), Chipre; – NACIONALINIS VEZIO INSTITUTAS (NCI), Lituania; – PCG POLSKA SP (ZOO) (PCG Polska), Polonia; – UNIVERSITAETSKLINIKUM FREIBURG (UKLFR), Alemaña; – VSI SMART HEALTH DIH (Health DIH), Lituania; – INSTITUTUL ONCOLOGIC PROF DR ION CHIRICUTA CLUJ-NAPOCA (IOCN), Romanía; – ISTITUTO EUROPEO DI ONCOLOGIA SRL (IEO), Italia; – EUROPEAN HEALTH MANAGEMENT ASSOCIATION (EHMA), Bélxica; – UNIVERSITE DE BRETAGNE OCCIDENTALE (UBO), Francia; – UNIVERSITATEA DE MEDICINA SI FARMACIE CAROL DAVILA DIN BUCURESTI (UMFCD Bucharest), Romanía; – WELLICS EFARMOGES EREVNAS KAI PLIROFORIKIS MONOPROSOPI I.K.E. (WELLICS), Grecia, – FUNDACIO PER A LA UNIVERSITAT OBERTA DE CATALUNYA (FUOC), España – BULGARIAN GENERAL PRACTICE SOCIETY FOR RESEARCH AND EDUCATION (BGPSRE), Bulgaria – UNIVERZA V MARIBORU (UM), Eslovenia – INSTITUT CATALA D’ONCOLOGIA (ICO), España
Visita nuestras redes sociales