• Trátase do Aplidin, do laboratorio PharmaMar, que entra xa en fase III do ensaio clínico
• A internista María Teresa Pérez e o seu equipo de investigadores serán os encargados de testar os resultados nos pacientes seleccionados
• Haberá 60 pacientes en todo o mundo, dos que 5 serán do Álvaro Cunqueiro, que é un dos 18 hospitais españois que tamén participan no ensaio
O IIS Galicia Sur levará a cabo no Hospital Álvaro Cunqueiro os ensaios con pacientes do medicamento Aplidin, empregado como antiviral fronte ao coronavirus. O antiviral está a ser desenvolvido pola farmacéutica PharmaMar, e nos próximos días comezará a probarse en pacientes.
LA especialista en Medicina Interna e integrante do Grupo de Enfermidades Infecciosas o IIS Galicia Sur, María Teresa Pérez, liderará esta parte da investigación que ten que ver coa evolución dos pacientes seleccionados.
Serán cinco os enfermos seleccionados inicialmente para o ensaio clínico en fase III, aos que se lles administrará o antiviral na dose que os especialistas consideran convenientes para poder facer fronte ao coronavirus. En todo o mundo serán 60 os pacientes que formen parte do ensaio e de cuxa evolución dependerá o éxito desta iniciativa.
Os pacientes que participen no ensaio recibirán doses diferentes do fármaco e algún só placebo para comprobar as distintas reaccións, sempre dentro dos máis estritos protocolos de seguridade e control.
A necesidade de facer probas moi esixentes, con distintos perfís de pacientes e de distintas zonas xeográficas provoca que o ensaio co Aplidin efectúese en moitos hospitais e cun pequeno número de enfermos en cada un deles. En España, segundo a doutora Pérez, participan 18 centros hospitalarios aos que hai que engadir outros de Reino Unido, Portugal, Francia ou Suecia, que poderían ampliarse a máis países.
“O que queremos ver nesta fase do ensaio é se a administración dunha determinada dose do medicamento evita o progreso da infección cara a un empeoramento respiratorio polo que o paciente necesite osíxeno ou ingresar en coidados intensivos”, sinala a doutora Pérez.
Inicialmente está previsto que durante este mes de maio leve a cabo a selección dos cinco pacientes que participarán no ensaio na área Sanitaria de Vigo. Con todo, os investigadores esperan dispoñer de resultados nos últimos meses deste ano ou principios do próximo.
Visita nuestras redes sociales