• Celebrou a súa V Xornada de Encontro para os Grupos de Investigación, na que houbo máis dunha vintena de exposicións doutros tantos proxectos en marcha
• Acreditación do Instituto de Salud Carlos III, novo Plan Estratéxico 2022-2026 e o selo HRS4 R da Unión Europea son os retos inmediatos do IISGS para os próximos mesesO Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) exhibiu a súa potencia investigadora no transcurso da V Xornada de Encontro para Grupos de Investigación, que se celebrou no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Desta forma o IIS Galicia Sur retoma o encontro anual dos seus investigadores, que o ano pasado non puido celebrarse pola situación da pandemia da COVID-19.
No transcurso da xornada, e tras a introdución á mesma que fixo o director científico do IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo, expuxéronse máis dunha vintena de proxectos que actualmente están en marcha e que representan á maioría dos espectros de investigación que abarca o Instituto.
O IIS Galicia Sur engloba, nestes momentos a máis de 50 grupos de investigadores, que se distribúen en seis áreas de investigación e outras dúas máis transversais, tanto especificamente clínicas como científicas. Están adscritos máis de 800 investigadores.
No último período anual publicáronse 432 artigos indexados, cun factor de impacto de 2.452, o máis elevado desde que se creo o Instituto. Na actualidade están en marcha 136 proxectos de investigación, dos que o 79% está liderado por investigadores do propio Instituto, e hai activos 441 ensaios clínicos.
A presentación oficial da solicitude para a acreditación polo Instituto de Salud Carlos III, a posta en marcha dun novo Plan Estratéxico 2022-2026 e a consecución do selo HRS4 R da Unión Europea son os grandes retos que afronta o Instituto de forma inmediata, nos primeiros meses do ano que está a piques de comezar.
Ademais, o IISGS e a Fundación Biomédica Galicia Sur (órgano de xestión) traballan na acreditación UNE 166002, así como na implementación da formación a distancia en colaboración coa Universidade de Vigo.
Visita nuestras redes sociales