• O documento foi subscrito polo conselleiro de Sanidade, o reitor da Universidade de Vigo e o xerente da Área Sanitaria de Vigo
• Tras a firma constituíuse o novo Consello Reitor do IISGS cuxos membros coñeceron os datos de actividade do pasado ano
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur encara o futuro con plena garantía para o desenvolvemento da investigación sanitaria mercé ao novo convenio que ratificou a Xunta de Galicia e que fixa as bases para a colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e a Universidade de Vigo.
O documento foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, en representación da Fundación Biomédica Galicia Sur.
O convenio senta as bases polas que se rexerá a colaboración entre as citadas institucións e proporciona o marco xurídico e de xestión para o próximos catro anos. O documento xestouse durante os últimos meses e substitúe ao anterior. Supón un paso máis para a futura acreditación do IISGS por parte do Instituto de Salud Carlos III.
Tras a firma do documento reuniuse o Consello Reitor do Instituto, baixo a presidencia do conselleiro. Na reunión participaron xa os novos vocais. Todos os presentes coñeceron, a través do director científico do IIS Galicia Sur, José Ramón Fernández Lorenzo, o resumo das actividades que levaronse a cabo no Instituto durante o pasado exercicio, que se plasmarán na Memoria Científica de 2020, que se publicará en breve.
Visita nuestras redes sociales