O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur celebrou esta semana no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a IV Edición da Xornada de Encontro para Grupos de Investigación. Estas xornadas, organizadas anualmente dende 2016, teñen coma obxectivo principal dar a coñecer as liñas de investigación e os últimos resultados obtidos polos grupos, e expor posibilidades de colaboración para o desenvolvemento de proxectos e iniciativas conxuntas, fomentando deste xeito a procura de sinerxías e a optimización de recursos.
O evento foi inaugurado polo Dr. Jose Ramón Fernández Lorenzo, Director Científico do IIS Galicia Sur, e o Dr. Julio García Comesaña, Xerente da Área Sanitaria de Vigo. Ambos destacaron o gran valor destas xornadas para coñecer de primeira man as liñas que están a desenvolver os grupos “veciños” do Instituto e poder axuntar esforzos en investigación.
O Dr. Fernández Lorenzo realizou un breve repaso en cifras dos datos da actividade científica do Instituto e da súa salientable evolución nos últimos cinco anos, nos que o número de artigos orixinais triplicouse, o factor de impacto acumulado das publicacións do instituto ascendeu a máis de 5.000 puntos e os artigos dos grupos do instituto recibiron cerca de 6.200 citas. “Todo isto non sería posible sen o traballo e dedicación do persoal do Instituto”, afirmou o Director do IIS Galicia Sur, agradecendo aos integrantes da entidade o esforzo realizado nestes anos.
Estes datos de actividade científica foron resaltados no informe de auditoría resultante do proceso de acreditación de institutos ao que se someteu recentemente o IIS Galicia Sur, e segundo afirma o Dr. Fernández Lorenzo “son datos excelentes que nos sitúan favorablemente para converternos en instituto acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III”.
Pola súa banda, o Dr. García Comesaña, resaltou o labor das investigadoras e investigadores do IIS Galicia Sur ao longo destes anos, destacando especialmente o esforzo realizado e a súa dispoñibilidade durante a visita do equipo auditor no transcurso do proceso de acreditación no mes de setembro. Mencionou ademais “o sentimento de pertenza ao Instituto expresado polos investigadores durante as entrevistas” e valorou especialmente a implicación do equipo xestor da Fundación Biomédica Galicia Sur.
No transcurso da xornada, ademais de presentarse propostas para iniciar colaboracións futuras, tamén se destacaron as interaccións xa establecidas entre grupos, que combinan múltiples dimensións: interaccións entre grupos, entre entidades (Sergas-Universidade de Vigo), entre ámbitos de investigación (básica e aplicada) e ámbitos sanitarios (atención primaria e especializada), e entre disciplinas (enxeñaría, medicina, enfermaría, economía, etc.).
Coma exemplos, mencionáronse as colaboracións establecidas entre o grupo NeumoVigo I+i, dirixido polo Dr. Alberto Fernández Villar, e a investigadoras Diana Valverde e Loretta de Chiara, do Grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica e investigadoras da Universidade de Vigo, que iniciarán á súa vez nun futuro próximo liñas de traballo conxuntas co Grupo de Oncoloxía Dixestiva, dirixido polo Dr. Joaquín Cubiella do C. H.U. de Ourense. Tamén o proxecto Polydeep, para a detección precoz das lesións colorrectais, no que colaboran os Grupos de Oncoloxía Dixestiva e Sistemas Informáticos de Nova Xeración.
Durante o encontro destacouse o papel esencial da investigación no ámbito clínico, tanto tara mellorar a calidade da atención sanitaria e a saúde dos pacientes como para reforzar a capacidade de liderado e visibilidade dos propios profesionais sanitarios. Destacou o Dr. Alberto Fernández Villar que “investigar faiche ser mellor no teu traballo coma médico”, palabras apoiadas por outros relatores no evento coma o Dr. Luís Docasar Bertolo (Grupo de Investigación en Saúde Mental) e Daniel Carpio López (Grupo Hepatoloxía e Enfermidades Inflamatorias Intestinais). Resaltouse tamén o importante papel da enfermaría e a necesidade de reforzar a investigación neste ámbito, así como mellorar a formación en investigación e a implicación dos estudantes, estimulando a súa vertente investigadora desde as primeiras etapas da aprendizaxe. Tamén se mencionaron as colaboracións entre o ámbito sanitario e o da enxeñaría, que se potenciarán nos próximos anos grazas ao Grao en Enxeñaría Biomédica recentemente implantado.
Entre os plans de futuro, participar en máis iniciativas a nivel europeo e internacional será a meta de moitos dos grupos, co obxectivo de “conseguir liderar proxectos en convocatorias europeas”, como expresaron o Dr. Jose María Pego, líder do Grupo IRIDIS e tamén o Dr. Fernández Villar.
Outra das mensaxes importantes xurdidas no encontro é a dimensión social coma aspecto en auxe e esencial dos estudos de investigación. Exemplo diso é o estudo SOCIOEPOC desenvolto polo grupo NeumoVigo I+i, que estuda o impacto social da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica. De igual maneira, constatouse a necesidade de implicar aos propios pacientes no deseño dos estudos de investigación, aspecto que salientaron Daniel Carpio e Jose M. Pego nas súas intervencións, e a importancia de coñecer de primeira man a súa percepción sobre a enfermidade e os seus tratamentos, base dunha das teses publicadas recentemente polo grupo IRIDIS.
Participación das áreas do instituto, plataformas e grupos invitados
Área 1: Neurociencias e Enfermidades Psiquiátricas
O Dr. Luís do Casar Bertolo (Grupo Saúde Mental) presentou as liñas de investigación do grupo, entre as que destacan a terapia intensiva en suicidio, o tratamento da depresión resistente mediante estimulación magnética cranial ou o uso de lentes de realidade virtual para os trastornos do esquema corporal. Durante a súa intervención proxectou algúns vídeos demostrativos do funcionamento de Psicomás, unha serie de vídeos de apoio ao tratamento que inclúen módulos coma o de alcoholismo ou a depresión, dirixidos a profesionais e tamén utilizables coma autoaxuda. Por parte do Grupo de Neurociencia Traslacional, a investigadora Daniela Rodrígues Amorím presentou os últimos avances do grupo no estudo de biomarcadores na esquizofrenia.
Área 2: Enfermidades Inflamatorias e Infecciosas e Trastornos Inmunitarios
Esta área estivo representada polos grupos IRIDIS, cuxas liñas e capacidades presentou o Dr. JM Pego, e o Grupo de Hepatoloxía e Enfermidades Inflamatorias Intestinais, dirixido polo Dr. Juan Turnes e representado na xornada polo Dr. Daniel Carpio do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Área 3: Metabolismo, Nutrición, Enfermidades Raras e de Base Xenética
Diana Valverde, profesora da Universidade de Vigo e integrante do Grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, presentou as súas liñas sobre “xenes e funcións” destacando a investigación sobre hipertensión arterial pulmonar e sobre enfermidades raras, coma as síndromes de Alstrom e de Bardet- Bield. Dentro do mesmo grupo, a Dra. Saida Ortolano, realizou unha presentación sobre enfermidades raras coma modelos de patoloxías frecuentes, con enfoque no lisosoma..
Área 4: Enfermidades de Grandes Sistemas, Envellecemento e Medicina Rexenerativa
O primeiro relator desta área foi o Dr. Alberto Fernández Villar, Xefe do Servizo de Pneumoloxía do CHUVI e líder do grupo Grupo NeumoVigo I+i, cuxas principais liñas dirixen as neumólogas María Torres, Virginia Leiro, Maribel Botana e Cristina Represas. Por parte do grupo de Investigación Cardiovascular, liderado polo Dr. Andrés Íñiguez, responsable tamén do servizo de cardioloxía do CHUVI, interviñeron a enfermeira Ana Isabel Ferrero, e o investigador Marcos Loureiro, quen falou sobre o uso da simulación numérica en cardioloxía, que emprega a modelización matemática para predicir o comportamento dos implantes aórticos e anticipar a resposta en cada paciente segundo a súa morfoloxía e patoloxía antes da operación, axudando ao clínico na toma de decisións sobre o tipo de dispositivo máis adecuado e permitindo detectar posibles complicacións.
Área 5: Cancro
Contou coas intervencións do Dr. Joaquín Cubiella, responsable do Grupo de Oncoloxía Dixestiva, que presentou a actividade e liñas do grupo en substitución do Dr. García Mata, inicialmente o encargado de representar ao grupo pero que finalmente non puido asistir ao encontro; e a Dra. Alicia González Pose, que resaltou os proxectos ARTFIBIO e HeNeBra e as liñas en oncoxenómica do grupo de Oncoloxía Xenética, Radiobioloxía e Radiointeracción, co-dirixido polos Drs. Esteban Castelao e Víctor Muñoz.
Área 6: Eficiencia e Calidade en Servizos de Saúde, Seguridade do Paciente e Economía da Saúde.
Participou o Grupo Calidade de Vida e Economía da Saúde, co-dirixido polos Drs. Jacinto Mosquera (CHUVI) e Eva Míguez (Universidade de Vigo), esta última encargada de presentar as liñas do grupo, centradas na medición da calidade de vida nos ámbitos clínico e económico, e que perseguen maximizar a eficiencia na asignación de recursos para conseguir mellorar a saúde da poboación. Para iso, estudan os custos directos (coma o gasto farmacéutico), indirectos (coma a perda da produtividade laboral) e os intanxibles (coma a diminución da calidade de vida do paciente e os seus familiares).
Área Transversal de Tecnoloxías Biomédicas
Participaron tres grupos desta área: o Grupo de Novos Materiais, dirixido polo profesor da Universidade de Vigo, Pío González, estivo representado pola Dra. Julia Serra, cuxa relatorio versou sobre biomateriais, biosensores e tecnoloxías biomédicas; o Grupo de Biofluidos, presentado polo profesor Eduardo Suárez Porto, quen comentou as diferentes vertentes do estudo das interaccións fluído-magnéticas no ámbito da saúde, aplicables entre outros aos sistemas respiratorio, nervioso ou endocrino; e o Grupo de Aplicacións dos Láseres, formado por enxeñeiros da Universidade de Vigo e incorporado ao IIS Galicia Sur en 2019, cuxo responsable, o Dr. Juan M Pou Saracho, foi o encargado de presentar as liñas de investigación do grupo no ámbito da saúde.
Plataformas e Servizos de Apoio Comúns & Grupos invitados
No tocante ás Plataformas e Servizos de Apoio Comúns do IIS Galicia Sur, a Dra. Irene Viéitez presentou a nova tecnoloxía de cuantificación absoluta de alta precisión por Droplet Dixital PCR da que dispón a Unidade de Xenómica. O equipamento necesario para realizar esta técnica financiouse grazas a unha subvención por valor de 300.000 € concedida pola Axencia Estatal de Investigación na convocatoria de infraestruturas 2018 e a súa instalación acaba de ser posta a punto, polo que está actualmente dispoñible para o seu uso por parte do persoal investigador do IISGS.
Coma grupo invitado, contouse coa participación do grupo SIDOR do CINBIO, representado polo profesor Jacobo de Uña, quen presentou as capacidades deste grupo para a realización de estudos bioestadísticos e epidemiolóxicos de aplicación en moitos dos ámbitos de estudo dos grupos do IIS Galicia Sur, coma enfermidades cardiovasculares, cancro, VIH ou neurociencias, entre outros.
Visita nuestras redes sociales