• A Asociación Galega de Lupus (AGAL) a Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO) e a Asociación Huntington Galicia son as entidades colaboradoras nestes convenios
• O obxecto destes acordos é o desenvolvemento de accións conxuntas a prol de persoas con estas patoloxías, que inclúen o deseño de proxectos de investigación ou a coordinación de actividades de divulgación para o fomento da cultura científica, entre outras accións
• Todas estas actuacións enmárcanse dentro do compromiso do IIS Galicia Sur de promover unha ciencia máis aberta e conectada, que reduza a fenda existente entre o ámbito científico e a sociedade
Vigo, 18 de agosto de 2023. O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur asinou novos convenios de colaboración coa Asociación Galega de Lupus (AGAL). coa Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO) e coa Asociación Huntington Galicia co fin da realización de actividades e proxectos de colaboración en asuntos que resulten de interese nas Áreas Sanitarias de Vigo e Pontevedra.
A través deste convenios se regulará a cooperación institucional entre as partes para a realización de proxectos de investigación e actividades divulgativas que fagan chegar á cidadanía a realidade das persoas con estas enfermidades, a súa sintomatoloxía, seus tratamentos ou como axudar aos familiares e achegados nas tarefas de acompañar ó paciente.
Estes convenios foron asinados pola directora Científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, mentres que por parte das asociacións asinaron: Nuria Carballeda, como presidenta de AGAL, Mabel Avendaño, presidenta de ASEARPO, e .Carmen Otero Magdalena, tamén presidenta da Xunta Directiva da Asociación Huntington Galicia (HG).
Estes convenios teñen unha duración de catro anos, prorrogables até outros catro anos adicionais, por mutuo acordo das partes.
Investigación e divulgación
Estas actividades e accións que se reflicten nos citados convenios consisten na participación conxunta e no deseño e execución de proxectos de investigación para ampliar os coñecementos científicos en áreas do estudo do Lupus (no caso de AGAL), e da artrite e enfermidades afíns (no de ASEARPO), e da Enfermidade de Huntington (no de HG) que teñan como obxecto mellorar a prevención, diagnóstico e seguimento clínico das persoas afectadas, ademais de accións de promoción e coordinación de actividades de divulgación e participación cidadá para o fomento da cultura científica.
Así mesmo, contempla a difusión de información de intereses común, a cesión puntual de espazos para o desenvolvemento de reunións, obradoiros eu eventos, indicándose tamén o establecemento de xornadas de portas abertas para favorecer a interacción entre investigadores do IIS Galicia Sur e as socias e socios de ámbalas dúas institucións.
A observación do cumprimento destes convenios estará controlado por cadansúa comisión de seguimento (unha por convenio asinado), que asegure o bo fin e resolva as controversias que poidan xurdir na súa execución. Estas comisións de seguimento estarán formadas por dous representantes de cada unha das partes.
Outros convenios e colaboracións
Estes dous novos convenios súmanse aos asinados con outras entidades con finalidades semellantes, como coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer y outras Demencias de Galicia (AFAGA) ou a Asociación Inventiva (de nenas e nenos con altas capacidades e talentos precoces), así como outras colaboracións con diferentes entidades, como a Asociación Galega de Afectados por el VIH (AGAVIH), Asociación FARXA (de axuda ás mulleres prostituídas), ou a Fundación Érguete – Integración.
Todas estas actuacións enmárcanse dentro do compromiso do IIS Galicia Sur de promover unha ciencia máis aberta e conectada, que reduza a fenda existente entre o ámbito científico e a sociedade, para que os diversos actores sociais, investigadores sanitarios, cidadáns e responsables políticos se impliquen e colaboren en aliñar mellor os resultados da investigación coas necesidades e expectativas das persoas.
Visita nuestras redes sociales