- Os medios de comunicación interésanse polas conclusións preliminares do traballo de investigación que desenvolve o Grupo HealthyFit do IISGS
A presentación de resultados preliminares do proxecto de investigación que está a levar a cabo o Grupo Emerxente HealthyFit, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, no Seminario en Aberto do IISGS de Mozos Investigadores e Grupos Emerxentes do pasado 12 de xaneiro, tivo a súa repercusión nos medios de comunicación. Atlántico Diario realizou unha reportaxe sobre este tema destacando os beneficios do emprego de videoxogos activos como terapia de apoio na procura de mellora en movemento, forza e equilibrio en persoas maiores de 90 anos. Así mesmo, a realidade virtual xera benestar emocional e facilita a evasión dos pacientes en contornas medicalizadas, tal e como apunta na devandita reportaxe o investigador pre-doutoral, Pablo Campo, que leva adiante este proxecto de investigación.
Múltiples aplicacións
Un dos principais argumentos en favor deste tipo de terapia que aflora nesta investigación de Pablo Campo é que é segura e ben tolerada e sen ningún tipo de efecto adverso, o que se demostra con que os pacientes que se someteron á proba cumpriron con todas as sesións, programadas durante tres días á semana ao longo de dez semanas.
Estas experiencias, que se realizaron principalmente en persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson -así como nalgunha de estancia de longa duración en UCI-, poden ter éxito, en palabras dos seus investigadores, en servizos como os de Oncoloxía, Pediatría, Neuroreahabilitación ou na Unidade da Dor, xa que determinadas imaxes poden ofrecer estímulos relaxantes.
Visita nuestras redes sociales