• O comportamento das EII en diferentes grupos poboacionais e a transferencia de datos e estatísticas a nivel internacional, temas centrais desta última edición
Máis de 70 de Investigadores nacionais e internacionais no ámbito das enfermidades inflamatorias intestinais (EII) déronse cita un ano máis no 4º Seminario “Víctor Ruiz Ochoa” Sobre Epidemioloxía en Enfermidade Inflamatoria Intestinal, organizado polo Grupo de Patoloxía Dixestiva do IIS Galicia Sur, e que se celebrou este sábado 5 de outubro, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e tamén de maneira virtual.
Os Dres. Vicent Hernández e Jose Ignacio Rodríguez Prada, do Servizo de Aparato Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo e a Dra. Eva Poveda, Directora Científica do IIS Galicia Sur, inauguraban a presente edición deste encontro internacional, no que se abordaron aspectos de gran relevancia científica actual, como a revisión das características epidemiolóxicas das EII en diferentes grupos poboacionais, ademais da utilidade e o manexo de novas ferramentas para realizar estudos epidemiolóxicos; centrándose así mesmo —e de maneira especial— en descubrir os retos futuros na atención aos pacientes con EII.
Como recordatorio, cabe indicar que esta é a primeira vez na que este seminario leva o nome dol Dr. Víctor Ruiz Ochoa, tras o acordo alcanzado na pasada edición ao homenaxear a quen foi pioneiro do interese en Galicia por este tipo de enfermidade.
Incidencia segundo grupos
No que respecta a as características epidemiolóxicas das EII en diferentes grupos poboacionais, os relatorios presentados correron a cargo da Dra. Mercedes Busto Cuiñas, do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra, expoñendo conclusións sobre resultados en poboación infantil. Á súa vez, o Dr. Diego Casas, do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Universitario Miguel Servet de Zaragoza, abordou estes aspectos sobre pacientes anciáns, mentres que o Dr. Vicent Hernández, fíxoo sobre estudos realizados en poboación feminina. Finalmente, a Dra. Aline Charabaty, subdirectora clínica da División de Gastroenteroloxía da Escola de Medicina Johns Hopkins e directora clínica de EII no Johns Hopkins-Sibley Memorial de Washington D.C. (EE.UU.) tratou no seu relatorio aspectos relevantes sobre a incidencia particular destas patoloxías en diferentes grupos étnicos.
Colaboración en liña
Unha gran parte do labor investigador desenvólvese grazas á difusión e ao feito de compartir datos estatísticos e experiencias entre os diferentes equipos co fin de xerar unha rede colaborativa que ofrece uns resultados excelentes. Para iso, nos últimos anos desenvolvéronse diferentes aplicacións e programas que facilitan esta cooperación e elévana a un rango internacional. Así, a Organización Europea de Crohn e Colitis (ECCO) desenvolveu o UR-CARE (United Registries for Clinical Assessment and Research), unha plataforma que constitúe un rexistro internacional sobre datos de enfermos de EII e que se pon a disposición da práctica clínica cotiá e dos estadios de investigación.
Esta base de datos supón unha ferramenta de suma importancia e é polo que a Dra. Naila Arebi, directora Clínica do Servizo de EII do St. Mark’s Hospital de Londres (Reino Unido) desenvolveu neste encontro un taller sobre o uso e a aplicación deste programa e a súa difusión para a investigación das EII.
A atención ao paciente como epicentro
Nos últimos anos, as EII pasaron a ser manexadas de forma específica por Unidades Multidisciplinares para ofrecer aos pacientes unha atención integral. O coñecemento da epidemioloxía destas enfermidades permite dimensionar os equipos que atenden a estes pacientes, e a análise da evolución da mesma permite planificar as estratexias de manexo nos Servizos. Doutra banda, é fundamental o coñecemento da historia natural e dos factores que inflúen nela para mellorar o manexo dos pacientes.
Desde este enfoque no que a atención pivota sobre o paciente, o 4º Seminario “Víctor Ruiz Ochoa” Sobre Epidemioloxía en Enfermidade Inflamatoria Intestinal tratou de maneira exhaustiva as experiencias cultivadas desde as diferentes perspectivas (especialista EII, médico de Atención Primaria e o propio paciente) a cargo da Dra. María Teresa Diz-Lois, do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; o Dr. Benito Rodríguez, do Centro de Saúde O Porriño (Pontevedra), e dona Raquel Blanco, da Asociación de Enfermos de Crohn e Colitis Ulcerosa de Vigo, respectivamente.
Aumenta a incidencia pero mellora o seu manexo
As enfermidades inflamatorias intestinais (EII) son trastornos crónicos dixestivos discapacitantes que teñen un importante impacto na vida dos pacientes e implican un custo substancial aos sistemas de saúde e a sociedade. Diversos estudos epidemiolóxicos recentes suxiren que a súa incidencia e prevalencia están a aumentar e o seu manexo cambiou radicalmente nos últimos anos coa aparición dos fármacos biolóxicos. Estímase que en Europa pode haber entre 2,5 e tres millóns de persoas afectas pola enfermidade, cuns custos sanitarios directos de ao redor de 5.000 millóns de euros anuais.
Así pois, trátase dun problema sanitario de importante magnitude, que afecta non só a quen o padece, senón que tamén ten un gran impacto no seu medio debido á carga psicolóxica, social e económica que supón a enfermidade.
Visita nuestras redes sociales