• O Gabinete de Anoscopias de Alta Resolución (AAR) aportou á investigación, que ven de ser publicada na prestixiosa revista Lancet, un total de 431 pacientes
• Trátase dun dispositivo mutidisciplinar, pioneiro en España, que realiza un cribado diagnóstico e terapéutico de pacientes de risco para a prevención do cancro anal
O Gabinete de Anoscopias de Alta Resolución do Chuvi, impulsado polo cirurxián Mauricio Iribarren e o infectólogo Antonio Ocampo, investigadores do Grupo de Enfermidades Infecciosas do IIS Galicia Sur, participou nunha revisión internacional colaborativa sobre o virus do papiloma humano e o cancro anal, que ven de ser publicada na prestixiosa revista Lancet, unha das de maior impacto científico.
O estudo foi dirixido pola International Agency for Research on Cancer, organismo dependente da Organización Mundial de la Salud. Tras unha revisión de 5.040 publicacións internacionais, seleccionáronse 64 traballos que cumprían os criterios esixidos, basicamente aqueles con estudos virolóxicos, citolóxicos e histolóxicos completos. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo participou cun importante número de pacientes, 431, que cumprían os estritos criterios de selección.
Segundo explica Mauricio Iribarren “na táboa de selección de grupos, o noso situouse entre as 15 primeiras casuísticas, algo que conseguimos tras unha década de traballo de cribado en pacientes con risco de desenrolar cancro de ano, mantendo estritamente os criterios de selección, a metodoloxía diagnóstica-terapéutica e o seguimento de pacientes segundo protocolos establecidos”.
Programa de cribado de cancro anal pioneiro
O Gabinete de Anoscopias de Alta Resolución iniciou a súa andaina no ano 2012 co obxectivo de estudar a incidencia de lesións precursoras de cancro anal nun grupo específico de poboación, en homes que mantiñan sexo con homes VIH positivos. Neste grupo estábase reportando un alarmante incremento da incidencia de cancro anal, frecuentemente con diagnóstico tardío e escasas posibilidades terapéuticas.
“O cancro de cérvix e o de ano comparten características clínicas e unha causa común, o virus do papiloma humano de alto risco. Sen embargo, mentres a prevención mediante cribado de lesións precursoras do cancro de cérvix uterino estaba ben establecida, constituíndo un dos maiores éxitos da medicina moderna, non ocorría o mesmo co cribado das lesións anais, as cales se recoñeceron posteriormente. Por isto, decidimos dar respostas clínicas e iniciamos ese estudo, utilizando a anoscopia de alta resolución no diagnóstico e tratamento da neoplasia intraepitelial anal de alto grao”, explica o doutor Iribarren.
Os resultados confirmaron ese aumento de incidencia de cancro anal e a efectividade do diagnóstico e tratamento das súas lesións precursoras (neoplasia intraepitelial anal). Tras esta investigación adoptouse a decisión de consolidar o programa de cribado diagnóstico-terapéutico neste Gabinete, que no seu momento foi un dos primeiros de España en desenvolver dita actividade preventiva.
851 pacientes cribados
O Gabinete de Anoscopias de Alta Resolución, dependente do servizo de Cirurgía Xeral e Dixestiva, é na actualidade un dispositivo interdisciplinario conformado por cirurxiáns coloprotolóxicos en colaboración con especialistas en infecciosas, xinecoloxía, oncoloxía, microbioloxía, anatomía patolóxica, e co apoio fundamental da enfermaría; todos eles compoñentes do Grupo de estudo VPH, GECAO.
A consulta situouse no Hospital do Meixoeiro e neste momento inclúense pacientes de todos os grupos de risco. Aínda que a maioría de infectados polo Virus do Papiloma Humano son persoas homosexuais e VIH positivos, tamén hai pacientes inmunodeprimidos por diversas causas (quimioterapias, transplantes…), así como mulleres con lesións de cérvix.
Neste momento, o programa de cribado está xa consolidado como actividade clínica na carteira de prestacións sanitaria do Complexo vigués, e ten recoñecido o seu importante valor asistencial. Na actualidade xa leva estudados a 851 pacientes. Grazas a esta acción preventiva ningún dos pacientes seleccionados para cribado e seguimento desenvolveu cancro anal.
Visita nuestras redes sociales