• Manuel Casal Guisande, investigador do IIS Galicia Sur, propón un concepto innovador quedenomina “pseudo-símbolo” : un novo paradigma no eido da Intelixencia Artificial que poderíaaxudar na toma de decisións médicas máis seguras en situacións incertas
• A súa experiencia de máis de 5 anos na aplicación da Intelixencia Artificial no eido da Medicina permitiulle traballar no desenvolvemento dunha nova arquitectura
• Segundo o novo doutor: “Os sistemas baseados en “pseudo-símbolos” poden axudar aos médicos e médicas a tomar decisións máis seguras en situacións incertas, o que é especialmente importante en contornas médicas, onde os riscos son altos”
Vigo, 15 de outubro de 2023. Manuel Casal Guisande, investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur no Grupo Neumoloxía NeumoVigo I+i e do Grupo Design, Expert Systems and Artificial INtelligent Solutions (DESAINS), no que desenvolveu seu labor principal até este momento, ven de obter o seu doutorado pola Universidade de Vigo tras a defensa, o 19 de setembro pasado, da súa tese: A review of the hybrid paradigm in Artificial Intelligence based on the conceptualization, design and development of new intelligent systems with several inference algorithms: applications and usefulness for decision support in the Engineering field (Unha revisión do paradigma híbrido da Intelixencia Artificial baseado na conceptualización, deseño e desenvolvemento de novos sistemas intelixentes con distintos algoritmos de inferencia: aplicacións e utilidade para o apoio á toma de decisións no eido da Enxeñería).
A tese do novo doutor Casal Guisande supón un avance significativo no eido da Intelixencia Artificial aplicada na Medicina, e céntrase nunha mellora substancial á hora de achegar datos que axuden á toma de decisións médicas empregando tecnoloxía intelixente úlceras por presión, o diagnóstico temperá de cancro de mama ou mesmo na identificación preditiva e a posterior estratificación de pacientes con posibles cadros de apnea obstrutiva do sono.
Esta tese, que foi cualificada con Sobresaínte Cum Laude e obtivo a mención de Doutorado Internacional (ao ter realizado catro meses de estadías no estranxeiro, e ter sido defendida en Inglés), foi presentada baixo a modalidade de compendio de artigos científicos, recompilando e analizando 11 traballos publicados entre 2019 e 2023 en revistas científicas internacionalmente recoñecidas (inscritas dentro dos dous primeiros cuartís do Índice JCR [Journal Citation Reports]) e relacionados co seu labor de investigación dentro do IIS Galicia Sur, ao procurar solucións a través de sistemas intelixentes que axudarán á toma de decisións para o seguimento do proceso de tratamento de úlceras por presión, o diagnóstico temperá de cancro de mama ou mesmo na identificación preditiva e a posterior estratificación de pacientes con posibles cadros de apnea obstrutiva do sono.
Novo concepto: o “pseudo-símbolo”
Non obstante, o máis significativo da tese de Manuel Casal Guisande é a introdución dun concepto innovador que o autor denomina “pseudo-símbolo” e que ten que ver cunha nova e importante achega dentro do paradigma da Intelixencia Artificial. Tal e como explica Casal Guisande: “Os sistemas intelixentes desenvolvidos exploraban modelos de razoamento ou inferencia tanto baseados na representación explícita e dedutiva do coñecemento mediante símbolos, coma na exploración sistemática e indutiva de datos obxectivos a través de modelos de aprendizaxe estatístico. Tradicionalmente, as arquitecturas de soporte abarcaban dende, as iniciais propostas con sistemas inferenciais independentes, até as últimas propostas, onde se presentaban configuracións nas que se combinaban, de forma concorrente ou secuencial, inferencias simbólicas e estatísticas. O obxectivo de deseñar unha nova arquitectura que permita “hibridar” o proceso de razoamento empregando símbolos que unan a explicación do coñecemento coa capacidade de xeneralización do aprendizaxe estatístico supón unha achega particularmente relevante e disruptiva dentro do paradigma híbrido da Intelixencia Artificial.”
Así, culmina Manuel Casal Guisande: “Nesta tese doutoral defínese, introdúcese e contextualízase un novidoso concepto de símbolo como representación do coñecemento, denominado “pseudo-símbolo”, que pretende xuntar e, polo tanto, hibridar de forma efectiva os enfoques inferenciais dedutivos e indutivos.”
“Este avance xa está a marcar unha diferenza na toma de decisións en medicina, e promete ser aínda máis valioso no futuro. Os sistemas baseados en “pseudo-símbolos” -comenta o investigador- poden axudar aos médicos e médicas a tomar decisións máis seguras en situacións incertas, o que é especialmente importante en contornas médicas, onde os riscos son altos”.
Visita nuestras redes sociales