• A directora Científica do IISGS, Eva Poveda López, presenta nesta Xornada o Plan Estratéxico 2022-2026, que, entre outros aspectos, recolle a necesidade de impulsar o “enorme potencial das nosas científicas e científicos para promover unha investigación que responda ós grandes retos en saúde”
• Ó longo da Xornada creáronse distintos grupos de traballo interdisciplinares para analizar sinerxías e abordar futuros proxectos de investigación transversal
“Promover conxuntamente todo o talento investigador e o potencial do IISGS para o deseño e execución de proxectos que respondan ós grandes retos en saúde” foi o obxectivo prioritario da celebración da VI Xornada de Encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que baixo o título: Ciencia e Innovación por e para a saúde, citou a máis de 50 investigadores ó longo do mércores pasado, 16 de novembro, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, organizada dende o Instituto e a Fundación Biomédica Galicia Sur.
No acto inaugural do encontro, participaron a directora Científica do IIGSG, Eva Poveda López; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio Armesto, o director do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), Miguel Ángel Correa Duarte, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que se encargou de realizar o discurso de apertura oficial.
Así mesmo, foron invitados representantes de diferentes asociacións de pacientes, como a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), a Asociación Galega de Afectados do VIH (AGAVIH) e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC).
Xeración de sinerxías
Trala apertura oficial realizada polo conselleiro, a directora Científica do IISGS, Eva Poveda López, expuxo o obxectivo deste encontro, destacando a importancia de: “reflexionar acerca da xeración de sinerxías entre o persoal dos diferentes grupos de investigación que o conforman para o deseño e execución de proxectos multidisciplinares de investigación en saúde e promover a interacción entre investigadores clínicos, básicos e de diferentes áreas temáticas”. Como apuntaría máis adiante Poveda, “trátase de promover conxuntamente todo o talento investigador e o potencial do IISGS para o deseño e execución de proxectos que respondan ós grandes retos en saúde ós que nos enfrontamos”.
Á súa vez, a directora quixo salientar que “esta edición é moi especial por diferentes razóns. Entre elas, trátase da primeira Xornada como instituto de investigación sanitaria acreditado polo Instituto de Salud Carlos III e, polo tanto, tendo en conta os principais obxectivos do noso Plan Estratéxico 2022-2026 e cumprindo cos principios de investigación e innovación responsables, que nos falan de: educación científica, igualdade de xénero, acceso aberto, gobernanza ética e participación cidadá”.
A directora procedeu a expor as directrices básicas do Plan Estratéxico 2022-2026, recordando que este Plan “xorde dun proceso de reflexión e análise interno e externo que permitiron identificar obxectivos estratéxicos que nos leven a ser un centro de referencia en Galicia e que lidere a investigación sanitaria”. Fixo un breve percorrido dos piares sobre os que se asenta este plan e dos principais valores do IISGS que guían a súa actividade: innovación, investigación traslacional, internacionalización, compromiso coa sociedade, transparencia y calidade científica. “Para levar adiante este proxecto é necesario fomentar a participación de tódalas entidades colaboradoras e fomentar a investigación traslacional e aberta”.
A Ciencia ó dispor de todo o mundo
Ó fío desta cuestión, a Xornada continuou coa conferencia inaugural de Marta Aymerich Martínez, vicerreitora de Planificación Estratéxica e Investigación da Universitat Oberta de Catalunya (UOC); que baixo o título: En Ciencia, abrirse ou morrer, expuxo a necesidade de abrir o acceso á investigación da saúde para que sexa facilmente compartida e empregada entre a contorna científica e baixo o prisma da investigación traslacional.
Nesta clase maxistral, Aymerich falou de aproveitar a cada vez maior implantación do concepto de ciencia aberta para facer fincapé en que “aínda hai moitos científicos que non teñen acceso a esta información ou lles resulta moi caro acceder a ela”, o que é algo que se debe corrixir rapidamente. Ademais, segundo a vicerreitora de UOC, “a situación evoluiu de tal forma que os científicos pasamos de pagar para acceder á información a pagar para publicar en moitos dos principais medios”, para culminar afirmando que: “o diñeiro debería ir á ciencia, non ás editoriais”.
Advirte Aymerich que é fundamental un cambio de paradigma para a avaliación do traballo científico, xa que aínda se recorre a parámetros como o factor impacto, o decil ou o cuartil, métricas que dependen máis da calidade da revista que do proprio artigo. Así, hai un movemento baseado na ciencia aberta que traballa para modificar os baremos de avaliación do persoal científico, para incluír aspectos máis cualitativos, como a calidade da investigación, as sinerxías colaborativas entre científicos ou o impacto social da investigación.
Como conclusión, a vicerreitora da UOC apuntou que: “o importante é o que facemos, cómo o facemos e por qué o facemos, e non só ónde o publicamos” e tamén que “o obxectivo principal da investigación é contribuír a mellorar o mundo mediante o avance do coñecemento. Polo tanto, si queremos cambiar o mundo, tendo en conta ó proprio mundo, os resultados da investigación deben estar dispoñibles para todos en calquera parte”.
Grupos de traballo
A VI Xornada de Encontro do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur rematou coa exposición das conclusións dos cinco grupos de traballo multidisciplinares conformados por investigadores clínicos e básicos e os representantes das asociacións de pacientes que traballaron en propostas para iniciar novas liñas de investigación colaborativa que incidan sobre aspectos da saúde que supoñan un reto actual.
Estas xornadas convócanse anualmente e teñen como fin esencial dinamizar a interacción entre a comunidade investigadora e favorecer as sinerxías e o establecemento de novas vías de cooperación no seo do IISGS.
Visita nuestras redes sociales