O pasado sábado celebrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o “XII Encontro Galaico-Portugués de Asociacións de Espondilite“, evento que contou coa participación de profesionais da EOXI de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, entre eles o investigador Rafael Melero, integrante do Grupo de Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-mediadas ‘IRIDIS’.
Trátase dunha reunión anual na que se dan cita pacientes con espondilite de Galicia e Portugal, e que se celebra alternativamente nun ou noutro punto xeográfico. Nesta edición, a Asociación Viguesa de Espondilíticos de Pontevedra (AVIDEPO) foi a anfitrioa da portuguesa ANEA, e elixiu coma sede o hospital vigués “porque é un centro sanitario público do que nos sentimos orgullosos”, manifestou su presidente, Antonio Casero. Afirma tamén que normalmente as reunións teñen un carácter mais reducido e de convivencia e intercambio de iniciativas, pero que na presente edición decidiron organizar unha xornada científica, aberta á cidadanía en xeral, para dar a coñecer esta patoloxía.
Tres relatorios
O programa da reunión incluíu tres relatorios impartidos por especialistas, cada un deles orientado a unha faceta da enfermidade.
A intervención do Dr. Rafael Melero (Grupo IRIDIS), reumatólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) centrouse nas novas estratexias de tratamento da espondiloartrite, dirixidas a mellorar, nalgúns casos, a calidade de vida do paciente.
A segunda conferencia estivo a cargo da doutora portuguesa Joana Rodrígues, interna de Reumatoloxía no Hospital de Santa Luzía en Viana do Castelo, que explicou aos asistentes o que supón o día a día para un enfermo que padece espondilite anquilosante, coas dificultades que implica para o paciente esta patoloxía.
O reumatólogo de Vigo, Noberto Gómez foi o encargado de pechar as intervencións cunha disertación sobre a vitamina D e a saúde. Tras a súa conferencia houbo unha breve mesa redonda na que os asistentes tiveron ocasión de preguntar aos especialistas e membros das asociacións sobre os distintos aspectos da enfermidade.
Difícil diagnóstico
A espondilite anquilosante (AS, polas súas siglas en inglés) é unha forma crónica de artrite que que afecta principalmente os ósos e as articulacións na base da columna, onde esta conéctase coa pelve. Estas articulacións resultan inflamadas e inchadas. Co tempo, as vértebras afectadas pódense unir. A enfermidade xeralmente comeza entre os 20 e os 40 anos, pero tamén pode comezar antes dos 10 anos. Afecta máis aos homes que ás mulleres.
Os especialistas estiman que na área sanitaria de Vigo hai ao redor de 3.000 persoas que padecen esta enfermidade. “Con todo, esta cifra pode variar, porque se trata dunha doenza moi difícil de diagnosticar. De feito para chegar a un diagnóstico concreto fan falta moitas probas e necesítanse analizar moitos factores”, explica o presidente de AVIDEPO.
Visita nuestras redes sociales