• A aplicación, que se pode descargar no móbil, ofrece alarmas para o calendario de vacinación destes pacientes e información e coidados de gran interese para quen padece este tipo de patoloxías
Investigadores do Grupo IRIDIS, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e facultativos e profesionais de enfermería dos servizos de Reumatoloxía, Control de Enfermidades Transmisibles, Atención Primaria e Medicina Preventiva do Hospital Álvaro Cunqueiro desenvolveron unha aplicación para informar e fomentar a vacinación entre pacientes afectados por enfermidades inflamatorias crónicas denominada IMIDvac. A través desta aplicación, os pacientes poden consultar tanto información sobre as súas patoloxías e tratamentos, como información sobre as vacinas que deben poñerse e activar avisos para acudir ás devanditas vacinacións..
O coordinador do Grupo IRIDIS e reumatólogo, Dr. José María Pego Reigosa, xunto co xefe de Servizo de Medicina Preventiva e investigador de IMIDvac, Dr. Víctor do Campo, consideran que se trata dun proxecto formativo e educativo dirixido a estes pacientes para fomentar a súa vacinación, pero que ademais ofrece unha ampla información sobre as súas propias patoloxías, desde a artrite reumatoide á espondilioartritis, artrite psoriásica, miopatías, lupus ou a síndrome de Sjögren, entre outras. Así mesmo, a aplicación tamén dispón de información sobre as infeccións habituais, as latentes ou as denominadas oportunistas, como a candidiasis, o herpes zóster ou a tuberculose.
Segundo explicou a especialista en Reumatoloxía, Dra. Irene Altabás: “IMIDvac nace da necesidade de incrementar as taxas de vacinación entre pacientes reumáticos, xa que é de suma importancia ao posuír un alto risco de contraer infeccións. En primeiro lugar, pola súa propia patoloxía, e en segundo, polos propios tratamentos que reciben e que reducen a actividade do sistema inmune”.
Pola súa banda, outra das sanitarias implicadas en IMIDvac, a enfermeira de Reumatoloxía Coral Mouriño sinala que “grazas a esta web, os pacientes poden ter acceso a unha ligazón, que poden descargar e deixalo gardado nos seus teléfonos móbiles, de maneira que poden consultar información sobre as patoloxías, os tratamentos e xerar un perfil propio coa súa enfermidade, introducir a súa data de nacemento e datos persoais, ademais das vacinas e activar avisos para non despistarse das que teñen que poñer”.
No seu desenvolvemento contouse coa participación da Plataforma de Desenvolvemento TIC do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e tamén coas asociacións de pacientes ASEARPO (Asociación de Enfermos con Artrites de Pontevedra), AVIDEPO (Asociación Viguesa de Pacientes Espondilíticos de Pontevedra) e AGAL (Asociación Galega de Lupus), que realizaron achegas significativas para o seu deseño e usabilidade.
A aplicación está dispoñible a través da súa páxina web: imidvac.com. Aí, os pacientes poden atopar unha ligazón para descargala e instalala no teléfono móbil e, desta maneira, poder consultar en calquera momento información relativa á súa enfermidade, ademais de xerar un perfil propio cos seus datos que lle permite activar avisos para proceder á súa vacinación.
A pesar da súa recente implantación e que aínda non hai dispoñibles datos do número de descargas, neste momento hai máis de 1.200 pacientes que seguen as redes sociais de IMIDVac, o que demostra o gran interese e acollida. Na actualidade, o equipo responsable de IMIDvac atópase inmerso na internacionalización do proxecto levando a cabo a tradución da web ao inglés e no principio do ano dará comezo unha segunda fase da iniciativa coa gravación de podcasts sobre vacinación
Visita nuestras redes sociales