A revista internacional Journal of Biometeorology publica no seu último número o artigo titulado “Efficacy of baths with mineral-medicinal water in patients with fibromyalgia: a randomized clinical trial,” firmado polas investigadoras Reyes Pérez eNatalia Calvo da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense e integrantes do grupo de Estilos de Vida y Termalismo (ESVITER) do IIS Galicia Sur. O artigo recolle o estudo sobre a eficacia das augas mineromedicinais das Burgas en pacientes con fibromialxia, que conclúe que «cunha intervención de 14 baños de media hora de duración con auga mineromedicinal en pacientes diagnosticados de fibromialxia mellorouse o impacto provocado pola enfermidade e esta melloría durou de forma significativa oito meses».
Reyes Pérez y Natalia Calvo, investigadoras do grupo ESVITER do IIS Galicia Sur // Foto: DUVI
Ademais das autoras do grupo ESVITER, firman tamén o artigo Cristina Martínez e Ángel Salgado, da Unidad de Metodología y Estadística del IISGS e Jose Luís Muiño, do Centro de Saúde A Cuña-Mariñamansa. Un avance dos resultados do estudo, que se desenvolveu ao longo dun ano, presentouse en 2018 coa colaboración do Concello de Ourense e agora se recollen os datos completos na International Journal of Biometeorology. Reyes Pérez sinala cómo este estudo é pioneiro no seu eido «é moi importante porque amosa como o efecto terapéutico da auga mineromedicinal das Burgas é moi eficaz, xa que pode durar ata oito meses, e revalida que unha terma pública pode ser empregada pola cidadanía para a mellora da súa calidade de vida e da súa saúde».
A fibromialxia, explican as autoras, é unha enfermidade de evolución crónica e causa descoñecida cuxo mecanismo non se ten discernido de maneira completa. A dor crónica é o seu síntoma representativo e acompáñase de trastornos de sono e rixidez articular, entre outras manifestacións. Entre as estratexias non farmacolóxicas para o seu tratamento, os baños simples con augas mineromedicinais poden ter un importante potencial como terapia complementaria, segundo destacan Natalia Calvo e Reyes Pérez.
Metodoloxía do estudo
Mediante este traballo, as autoras se propuxeron avaliar a eficacia dunha intervención con baños de auga mineromedicinal de As Burgas en Ourense en pacientes con fibromialxia, mediante un ensaio clínico aleatorizado cruzado. Trátase do primeiro destas características que se realiza para valorar o uso terapéutico dos baños termais en pacientes con esta dolencia.
Durante a investigación, na primeira fase un grupo A recibiu 14 baños con auga termal durante un mes e tratamento farmacolóxico estándar, e un grupo B soamente tratamento farmacolóxico estándar. Tras un periodo de descanso de tres meses, os grupos se intercambiaron para a segunda fase, recibindo o grupo A o tratamento estándar e ol B os 14 baños con auga termal durante un mes, adicionais ao tratamento farmacolóxico. Os grupos incluían inicialmente 25 pacientes cada un, concluindo o estudo 21 no grupo A e 20 no grupo B.
Na avaliación utilizáronse diferentes parámetros, entre eles o Cuestionario de Impacto de Fibromialxia (FIQ), que puntúa diferentes síntomas coma dor, insomnio ou rixidez articular. O cuestionario puntúa de 1 (mínimo) a 100 (máximo) o impacto da enfermidade, que se mediu antes de iniciar o estudo, ao finalizar os baños, ao mes e aos tres meses, en ambas fases.
Sobre os resultados, o artigo recolle como «o grupo intervención unha vez finalizados os baños obtivo una media no FIQ de 60,3 (±11,8) e o grupo control de 70,8 (±13,0). Ao cabo de tres meses o grupo intervención presentaba unha media de 64,4 (±10,6) e o grupo control de 75,0 (±11,3)».
Conclúen que os baños simples con auga mineromedicinal das Burgas melloraron o impacto causado pola fibromialxia, e que este efecto se prolongou ata oito meses despois de realizar o tratamento.
Noticia orixinal
DUVI (Diario da Universidade de Vigo)
Repercusión nos medios
Visita nuestras redes sociales