-
O novo equipamento obtívose grazas á convocatoria competitiva para infraestruturas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades
-
Permitirá o desenvolvemento de novas liñas e proxectos de investigación punteiros a grupos de investigación do IIS Galicia Sur e da súa contorna
O IIS Galicia Sur incorpora ás súas instalacións novo equipamento punteiro, obtido grazas á subvención concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria de adquisición de equipamento científico-tecnolóxico 2018. A proposta presentada, “Fortalecemento e integración das plataformas de Xenómica e Bioloxía Celular mediante técnicas avanzadas de fraccionamento celular para a análise de ácidos nucleicos por Dixital PCR”, financiarase con case 300.000 € que se destinarán á adquisición de tres equipos (ultracentrífuga, bioanalizador e PCR Dixital) que permitirán a aplicación de técnicas avanzadas de fraccionamento celular para a análise de ácidos nucleicos (ADN e ARN).
A investigadora que lidera a proposta, Eva Poveda, responsable do Grupo de Viroloxía e Infectoloxía do IISGS, considera que “a incorporación destas novas plataformas ao Instituto producirá un gran salto de calidade para os nosos proxectos de investigación” e que “este equipamento permitirá desenvolver proxectos máis innovadores no IISGS, mellorando a relevancia e transferencia de resultados, e aumentará as sinerxías entre grupos e as colaboracións coa contorna industrial”. Diversos grupos do Instituto serán usuarios directos das novas infraestruturas, coma os grupos de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, Neurociencia Traslacional, Microbioloxía e Infectoloxía, Patoloxía Dixestiva e Inmunoloxía. Ademais, dada a versatilidade do novo equipamento, moitos outros grupos internos e externos ao IISGS poderán beneficiarse do seu uso para ser máis competitivos nas súas respectivas áreas de coñecemento. Entre as entidades que xa manifestaron o seu interese nesta tecnoloxía están o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, o Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS), o Hospital Universitario Germans Trias i Pujol, o Centre de Recherche en Myologie de París e o University Hospitals Cleveland Medical Centre, de EE. UU.
O equipamento solicitado para o fortalecemento científico-tecnolóxico das plataformas de Xenómica e Bioloxía Celular do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur permitirá desenvolver de xeito integral o fluxo de traballo, dende o procesamento de mostras biolóxicas ata a análise de distintos tipos de ácidos nucleicos. O equipamento estará situado nos Laboratorios de Investigación do IISGS, situados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de forma que o seu uso permitirá manter unhas condicións óptimas en cada unha das diferentes etapas dos procedementos técnicos. Estará accesible a todos os investigadores que requiran as súas prestacións, tanto para usuarios internos do Instituto como para usuarios doutros centros de investigación ou empresas, xa que se ofrecerá como parte da carteira de servizos do IISGS, xestionada pola Fundación Biomédica Galicia Sur. Desta maneira, o IIS Galicia Sur convértese na primeira entidade en poñer estas técnicas de vangarda ao servizo da comunidade investigadora e empresarial da súa contorna. O proceso de adquisición e instalación dos equipos levarse a cabo ao longo do próximo ano, polo que a partir de 2020 a tecnoloxía estará dispoñible para a súa utilización.
Eva Poveda, investigadora do IIS Galicia Sur que lidera a proposta:
a incorporación destas novas plataformas ao Instituto producirá un gran salto de calidade para os nosos proxectos de investigación
Situación estratéxica do IIS Galicia Sur
O IISGS é un espazo de investigación multidisciplinar en Biomedicina, con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (EOXI de Vigo), que aglutina aos grupos de investigación das Áreas Sanitarias do Sur de Galicia (Vigo, Ourense e Pontevedra) e aos grupos biomédicos da Universidade de Vigo. A súa misión é alcanzar unha investigación de alto nivel internacional e promover a investigación traslacional e a innovación, garantindo así a aplicación efectiva dos resultados de investigación en termos de beneficios para a saúde dos cidadáns. A súa situación estratéxica nunha das contornas consideradas con maior actividade económico-industrial de Galicia, cun gran número de empresas, moitas delas farmacéuticas e biotecnolóxicas, favorece a participación do sector empresarial nas súas infraestruturas científico-técnicas como usuarios das tecnoloxías, e o establecemento de sinerxías a través de actividades de transferencia e innovación. O sur de Galicia caracterízase ademais por ser unha rexión transfronteiriza, o que facilita unha estrutura estable de colaboración na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.
O fortalecemento científico-tecnolóxico do IISGS con este equipamento punteiro e de vangarda, ampliará o acceso dunha comunidade científica, tecnolóxica e industrial nacional e internacional a infraestruturas indispensables para o desenvolvemento dunha I+D competitiva e de calidade que permita ao Instituto ascender pola denominada “escaleira cara á excelencia”.
A incorporación desta nova infraestrutura terá efectos moi beneficiosos nos distintos ámbitos de actuación; suporá a potenciación das sinerxías entre grupos de investigación, tanto dentro do propio IISGS como con grupos externos nacionais e internacionais, o incremento das colaboracións coa contorna industrial e favorecerá a posta no mercado de resultados que responden as necesidades da nosa sociedade.
Repercusión nos medios
As axudas obxecto desta convocatoria teñen unha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea do 80% concedido no marco da convocatoria correspondente ao ano 2018 do procedemento para a concesión de axudas para a adquisición de equipamento científico-técnico do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (Expediente EQC2018-004581-P).
Visita nuestras redes sociales