[Por GCIENCIA] .
A recente concesión da acreditación ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) por parte do Instituto de Salud Carlos III, dependente do Ministerio de Sanidade, supón a entrada deste centro na elite da investigación biomédica en España, segundo explica a directora do IISGS, Eva Poveda. “Este recoñecemento sitúanos nunha posición de privilexio para seguir investigando no campo da biomedicina pero tamén supón unha importante responsabilidade para acadar os obxectivos e retos do noso plan estratéxico”, sinala a directora.
O recoñecemento acadado polo IISGS permite ao instituto unirse a outros dous centros galegos (IDIS e INIBIC) para formar parte duna alianza de centros de excelencia de investigación sanitaria en España que xa forman 34 entidades que agrupan a máis de 25.000 investigadores en biomedicina. “Isto vainos permitir ser máis competitivos na captación de financiamento para os nosos proxectos e tamén favorecer as sinerxías e a colaboración con outros centros nacionais”, explica Poveda.
Acadar a acreditación era un dos obxectivos estratéxicos do Instituto dende a súa creación no ano 2008 e conseguiuse grazas á excelente labor desenvolvida nestes anos polo persoal do IISGS, que supuxo unha gran evolución na produción científica do Instituto. Ademais, foi moi importante o apoio recibido dende a Consellería de Sanidade e o SERGAS, así como dende a Universidade de Vigo.
A solicitude de acreditación formalizouse en febreiro de 2022 por parte do IISGS, tras meses de preparación e a achega da documentación correspondente. No mes de maio tivo lugar a visita do equipo auditor á sede do instituto e xa no mes de agosto chegou a resolución pola que se concede a acreditación. No seu informe o equipo auditor constataba o alto cumprimento dos requisitos de gobernanza estratéxica, capacidades e rendemento científico, así como o impacto na sociedade cunha porcentaxe do 95% dos ítems acadados.
Entre os aspectos destacados neste informe atopábanse a excelente produción científica, o elevado nivel de publicacións froito de colaboracións internacionais e a alta porcentaxe de investigadores principais con actividade asistencial.
Dentro das liñas de actuación do Instituto, Poveda destaca ademais a promoción da investigación clínica transversal na innovación, o fomento do relevo xeracional dos investigadores, o coidado da ciencia na cidadanía e o respecto pola igualdade de xénero. “Os nosos campos de estudo son moi amplos pero o obxectivo sempre é xerar coñecemento para mellorar a saúde e a vida das persoas”, conclúe a directora do IISGS.
“As nosas investigacións van encamiñadas a mellorar o diagnóstico e o tratamento das enfermidades e tamén a previlas. Actualmente contamos con máis de 100 proxectos en activo e moitos deles son en colaboración con organismos nacionais e internacionais. Case todos os días obtemos resultados que nos permiten avanzar no coñecemento científico”, explica Eva Poveda.
Moitos proxectos nos que participa o IISGS van orientados na procura de biomarcadores para o diagnóstico precoz das enfermidades ou na creación de ferramentas para obter mellores diagnósticos e seguimento clínico das distintas patoloxías.
Áreas de investigación
O instituto conta con seis áreas temáticas de investigación (Neurociencias e Enfermidades Psiquiátricas; Enfermidades inflamatorias e infecciosas e Trastornos Inmunitarios; Metabolismo, Nutrición, Enfermidades Raras e de Base Xenética; Enfermidades de Grandes Sistemas. Envellecemento e Medicina Rexenerativa; Cancro e Eficiencia e Calidade en Servizos de Saúde) e con outras dúas de carácter transversal (Sistemas de Soporte á Decisión Clínica e Tecnoloxías Biomédicas).
Segundo explica Poveda, dende o IISGS procúrase favorecer o traballo multidisciplinar e por iso conta con investigadores de diversos perfís (técnicos, investigadores básicos, informáticos, etc) e de distintas áreas temáticas. Entre as liñas de actuación do instituto tamén se atopa a captación de talento investigador e o relevo xeracional, así como facilitar o retorno de investigadores galegos que traballan fóra.
Visita nuestras redes sociales