● Abre o período de licitación para a adquisición dun microscopio confocal de súper resolución tras recibir máis de 430.000 euros de financiamento na convocatoria 2019 de Equipamento Científico-Técnico do Ministerio de Ciencia e Innovación
● Será o único sistema de microscopía destas características de Galicia e permitirá realizar investigacións que agora son imposibles cos microscopios estándares deste tipo
● A tecnoloxía do aparello proporciona o máximo detalle no estudo de células en vivo e mecanismos moleculares
● Poderá funcionar a finais de ano e será referencia a nivel nacional para estas investigacións
Os investigadores Susana Teijeira, Saida Ortolano e Roberto Agís-Balboa
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro, colocarase na vangarda tecnolóxica coa adquisición do novo microscopio confocal de súper resolución. O aparello supoñerá un importante salto cualitativo nos traballos de investigación do Instituto e será referencia a nivel nacional.
A adquisición deste equipo de última xeración é posible grazas ao financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación a través de Fondos Feder, que cubre o 80% do custo total do equipamento.
A licitación de concurso publicouse xa no Diario Oficial da Unión Europea para que as empresas interesadas no proxecto poidan realizar as súas ofertas antes do próximo 15 de xullo.
De acordo coas previsións, o novo microscopio confocal de súper resolución estará listo para traballar a finais deste ano e será instalado en dependencias do propio Instituto de Investigación Sanitaria. A tal fin, xa está reservada unha sala da área que ocupa o Instituto no Hospital Álvaro Cunqueiro.
O microscopio confocal de súper resolución permitirá observar as células en vivo cun altísimo grao de exactitude, así como os mecanismos moleculares. O equipo estará dotado dun módulo que permite o escaneo rápido das mostras en vivo (desde 28 imaxes por segundo) polo que poderase realizar experimentos que son imposibles de levar a cabo nestes momentos cos microscopios confocales estándares.
Interese nacional e internacional
O investigador principal que figura no proxecto é Roberto Agís-Balboa, do Grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS. “O novo microscopio situará ó Instituto como un dos centros de referencia a nivel nacional para facer estudos de microscopía confocal de super resolución in vivo”, subliña o investigador, que salienta: “Este equipamento será o único dun nivel tan avanzado e preciso en Galicia e permitirá potenciar as colaboracións con outras institucións e con empresas biotecnolóxicas nacionais e extranxeiras”. De feito, o IISGS converterase en referencia para o noroeste peninsular neste tipo de investigacións.
A nova infraestrutura servirá, ademais de para impulsar a investigación biomédica en Galicia, para potenciar os proxectos transfronteirizos co Norte de Portugal. Xunto con Agís-Balboa, serán responsables do novo equipamento os tamén investigadores Saida Ortolano, do grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica; Susana Teijeira, directora do Biobanco do Instituto e responsable da Unidade de Microscopía do IISGS; e Carlos Spuch, tamén de Neurociencia Traslacional.
O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur engloba a investigadores das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e Ourense, así como a grupos de investigación da Universidade de Vigo, e está xestionado pola Fundación Biomédica Galicia Sur.
⇒ Nos medios…
As axudas obxecto desta convocatoria teñen unha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea do 80% concedido no marco da convocatoria correspondente ao ano 2019 do procedemento para a concesión de axudas para a adquisición de equipamento científico-técnico do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (Expediente EQC2019-006014-P).
Visita nuestras redes sociales