A quinta sesión do programa Xanela, “Xanela 05 · La importancia de la #Investigación“, que tivo lugar esta semana, contou coa participación de Eva Poveda, Directora Científica do IIS Galicia Sur e Beatriz Gil de Araújo, Directora da Fundación Biomédica Galicia Sur.
O programa, conducido por Antonio Fernández Campa, xerente de ACIS, e dispoñible na canle de Youtube desta entidade, estruturouse en dúas mesas redondas, co fin de abordar o papel fundamental da investigación e innovación sanitarias e debater sobre os retos que se afrontan desde este ámbito.
Na primeira mesa tratáronse temas relacionados cos principais retos a curto e medio prazo da investigación no ámbito sanitario, a transferencia de resultados a través da creación de spin-off no Sergas e a importancia da colaboración público-privada para abordar os grandes desafíos en saúde. Contou coas intervencións dos investigadores do IDIS María de la Fuente, directora da Unidade de NanoOncología e Anxo Fernández, investigador Juan Rodés, e co Director de Investigación Clínica de Novartis, Javier Malpesa.
Na segunda mesa, Eva Poveda e Beatriz Gil estiveron acompañadas de Rafael López, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHU de Santiago e líder do grupo OncoMed. Nas súas intervencións, falaron sobre a excelencia da investigación realizada desde os institutos de investigación sanitaria, destacando a recente consecución da acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur por parte do Instituto Carlos III, un feito que, en palabras de Poveda “sitúanos na elite da investigación biomédica a nivel nacional, xunto aos outros dous institutos galegos” o que supoñen moi boas noticias para Galicia e a investigación que se realiza aquí e “unha gran oportunidade para seguir mellorando, para ser máis competitivos e para mellorar a nosa capacidade de captación de fondos en convocatorias púbicas, de infraestruturas, recursos humanos proxectos”.
Supón unha contorna única de colaboración con outros institutos a nivel nacional e para a reflexión e a análise e a implementación de melloras. Puntualiza Poveda que conseguir a acreditación tamén supón unha responsabilidade para continuar este camiño de excelencia e cumprir os retos do Plan Estratéxico do Instituto, entre os que destaca a consolidación da investigación clínica traslacional, a captación e retención de talento, favorecendo a substitución xeracional e o fomento do traballo realizado desde a atención primaria —contexto crave para avaliar cal é a situación de saúde da poboación e poder implementar medidas de prevención e diagnóstico e achegarnos máis cara a esa medicina de precisión ou personalizada—. Destaca neste sentido a participación desde Galicia no programa IMPACT do Sistema Nacional de Saúde.
Sobre a interacción entre os tres Institutos Galegos, IDIS, INIBIC e IISGS, destaca a Directora do Galicia Sur a boa relación existente e a importancia desta colaboración para poder xerar sinerxias e ser máis competitivos de forma conxunta. En 2023 retomaranse as xornadas BioIntegraSaúde paralizadas por mor da pandemia e que teñen como obxectivo “que os tres institutos convivan e se xeren estas sinerxias”.
Acerca da interacción entre a investigación básica e a clínica, afirma Poveda que “a forma máis optima de enfocar os retos en saúde é a través dunha abordaxe multidisciplinar con investigadores básicos e clínicos traballando conxuntamente, de forma que a translación estea xa desde as primeiras etapas, sexa un obxectivo do estudo”, é a maneira de conseguir “ter un impacto de mellora na saúde dos cidadáns e cidadás”.
Pola súa banda Beatriz Gil de Araújo achegou a visión desde as fundacións de xestión da investigación sanitaria, como poden potenciar a investigación que se realiza dende os institutos e os retos para levar a cabo a translación de resultados. Destacaba a Directora da Fundación Biomédica que xestiona a actividade do IIS Galicia Sur a convocatoria para grupos emerxentes que acaba de publicarse recentemente e constitúe unha das primeiras accións postas en marcha tras conseguir a acreditación. Forma parte dun exercicio de reflexión e análise dos grupos de investigación e de identificación daqueles cun gran potencial de desenvolvemento, sobre os que centrar accións para que poidan desenvolver todas as súas capacidades. O programa de apoio a grupos emerxentes e de atención primaria e enfermería que ten en marcha o IISGS contempla tamén outros aspectos como a formación ou a intensificación de profesionais, ademais de apoiar os proxectos multidisciplinares e de investigación traslacional.
Respecto a os retos na translación de resultados, alude Gil de Araújo á “falta de cultura en España de emprendemento e innovación”, un aspecto no que se está incidindo nos últimos anos pero no que aínda queda camiño por percorrer, do mesmo xeito que na relación coas empresas. “Un dos maiores problemas, especialmente no sector biomédico e no ámbito hospitalario é o gap, a distancia entre un resultado de investigación e a posibilidade de aplicalo a un paciente“, o que achaca á complexidade do proceso regulatorio dos produtos sanitarios, tratamentos, medicamentos, kits diagnósticos, etc. Avoga Gil por incorporar aos socios empresariais dende estadíos temperáns dos proxectos e por incentivar a relación coa industria, ademais de fomentar a cultura innovadora. Destaca o esforzo que se realizou en Galicia nestes aspectos, como a publicación do decreto de transferencia e o financiamento mediante programas como o Ignicia, da Axencia Galega de Innovación ou o Pris de ACIS, que contribuíron a que os resultados de investigación “non se quedaron nun caixón”. Considera que “deben potenciarse estes mecanismos” e incluír a translación na avaliación profesional dos investigadores.
Durante o programa, abordáronse tamén aspectos como o equilibrio entre a competitividade da investigación e a necesidade de estabilizar recursos estruturais de apoio e liñas de investigación que xa demostrasen ser excelentes e competitivas e achegasen coñecemento científico para mellorar a saúde; a necesidade de buscar outras fórmulas de financiamento, ademais da estrutural, mediante financiamento privado ou micromecenazgo; e o aproveitamento dos datos sanitarios para potenciar a medicina de precisión e a colaboración no espazo europeo de datos compartidos.
Visita nuestras redes sociales