• A súa sólida traxectoria no campo da ciberseguridade e a ampla representación de investigadoras existentes no grupo, aspectos destacados polo xurado destes premios
• O grupo está formado por investigadores e investigadoras da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e está tamén integrado no CINBIO
O grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, foi galardoado nos VI Premios Spin-Off PuntoGal na categoría de Grupos de Investigación, ao apreciar o xurado desta convocatoria “unha sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e na ciberseguridade, distinguíndose por ter unha ampla representación de mulleres no seu corpo de investigadores”.
O investigador responsable do grupo SING, Florentino Fernández Riverola, agradeceu este premio que “para nós supón un recoñecemento moi importante ao labor de investigación e transferencia que estamos a facer desde hai anos. As candidaturas que se presentaron este ano a esta convocatoria na categoría de Grupos de Investigación eran todas moi potentes, polo que ser galardoados ten para nós un maior valor”.
O grupo SING,, está formado por investigadoras e investigadores sénior da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, ao que se suman investigadores pre e post doutorais.
“Este recoñecemento —engadiu Fernandez Riverola— non é só para o persoal do noso grupo, se non tamén para os nosos colaboradores habituais dos centros que formamos parte, que son o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo, e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que foi recentemente acreditado polo Instituto Salud Carlos III”.
O galardón foi recollido en nome do SING polo seu investigador Hugo López Fernández.
Visita nuestras redes sociales