• Con motivo do Día Internacional da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, 120 alumnos e alumnas do colexio Losada, en Vigo, participan nunha xornada divulgativa sobre a ciencia en xeral e descobren que na súa cidade se fai un amplo labor de investigación científica
Que é a ciencia? Como traballan os científicos? Que tipo de investigación faise no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur? Estas e outras moitas preguntas son as que científicos e científicas do grupo IRIDIS do IIS Galicia Sur contestaron os alumnos e alumnas do colexio Losada de Vigo nas charlas divulgativas que se organizaron no citado centro docente con motivo do Día Internacional da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, celebrado o 10 de novembro.
Organizados en dous grupos (un, de primeiro a terceiro de Primaria e outro, de cuarto a sexto), preto de 120 nenos e nenas do colexio Losada atenderon ás explicacións dadas polos investigadores do grupo IRIDIS Samuel García, Beatriz Malvar, Sara Martínez e Carlos Rafael, no que se considera unha experiencia moi proveitosa, dado que, segundo a resposta obtida, observouse un gran interese e fascinación do alumnado por descubrir de primeira man que é a ciencia en xeral e o traballo que se desenvolve no IIS Galicia Sur, en particular.
Esta é a primeira ocasión na que o centro docente acolle unhas charlas divulgativas semellantes con motivo deste día internacional, logrando con elas satisfacer a curiosidade de nenos e nenas, non só no que respecta a trasladar os conceptos básicos do traballo científico e espertar inquietudes nos alumnos e alumnas, senón que se trata dunha oportunidade excelente para facer evidente que na súa cidade realízase un amplo e recoñecido labor de investigación.
Esta actividade enmárcase no programa de actividades de ciencia aberta desenvolvidas desde o IIS Galicia Sur para tratar de achegar a ciencia á cidadanía, no desenvolvemento das políticas de Investigación e Innovación Responsables (RRI) promovidas desde o Instituto.
Visita nuestras redes sociales