A pasada semana entregáronse os premios RIES 2022, no marco do VII Fórum Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES). Estes galardóns, outorgados polo Clúster Saúde de Galicia (CSG), supoñen un recoñecemento a proxectos innovadores no sector da saúde ou sociosanitario.
O Grupo HealthyFit, da Universidade de Vigo e o IIS Galicia Sur, recibía de mans da presidenta do CSG, Rocío Mosquera, e o secretario xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, o Premio Revelación 2022 pola súa liña de investigación pioneira sobre os efectos dun programa de exercicio terapéutico con realidade virtual orientado a persoas maiores.
José María Cancela, coordinador do grupo HealthyFit e catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e o investigador da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo recolleron o premio por esta liña que o grupo puxo en marcha a comezos de 2020 e busca explorar as posibilidades da realidade virtual —inmersiva ou total— para o deseño e desenvolvemento de programas de exercicio terapéutico dirixidos a colectivos como as persoas maiores.
Supón un recoñecemento “ao traballo ben feito” por parte dun “referente como o clúster”, pero tamén como un xeito de pór en valor “que as novas tecnoloxías poden ser accesibles para as persoas maiores” afirmaba Cancela, xa que o premio pon de relevo as posibilidades dos dispositivos de realidade virtual á hora de que colectivos como as persoas maiores poidan realizar un traballo “físico e cognitivo, de forma lúdica, sen que facer exercicio signifique unha situación de aburrimento”.
Pola súa banda, Campo recibiu este galardón como unha “sorpresa” e un “orgullo” e destaca que permite tamén “amplificar o noso labor”, de tal xeito que pode contribuír a xerar “sinerxías” e posibilidades de colaboración con diferentes axentes “do ecosistema da saúde».
Valéndose de dispositivos como un head-mounted-display, estos traballos están permitindo constatar as posibilidades dun programa baseado no uso dos chamados exergames —xogos que requiren dunha serie de movementos—, tanto á hora de xerar unha maior adherencia cara a práctica de actividade física, como de mellorar as capacidades funcionais das e os participantes. Así o puideron constatar en estudos como o que Campo levou a cabo, no marco da tese de doutoramento que dirixen Cancela e Gustavo Rodríguez, no centro de Saraiva Sénior, ao abeiro da Cátedra ACP-Innova.
Ao mesmo tempo, o grupo HealthyFit tamén estudou os efectos deste tipo de programas en colectivos como pacientes de Párkinson, nunha liña de traballo na que contaron coa colaboración das asociacións de persoas afectadas por esta enfermidade de Vigo e Pontevedra. Salienta Cancela que o grupo comezará proximamente un novo estudo, en colaboración coas asociacións Agadea e Afaga, dirixido a coñecer os efectos “dun programa de exercicio físico e estimulación física e cognitiva”, que se levará a cabo “nalgúns dos centros da súa rede”.
//Fonte: DUVI
Visita nuestras redes sociales