• A Unidade Esofagogástrica e da Obesidade publicou un artigo nunha revista americana de gran impacto, que demostra a eficacia da linfadenectomía con fluorescencia
• Trátase dunha técnica cirúrxica minimamente invasiva na que se inxecta unha substancia fluorescente de cor verde para marcar os ganglios afectados, e permite ao cirurxián visualizalos e extirpalos con maior precisión
• Esta técnica mellora de xeito moi significativo a detección dos ganglios danados, posibilitando unha cirurxía máis exacta, menos agresiva e con menos complicacións
• Neste momento, este procedemento xa está protocolizado e incorporado á carteira de servizos dos cirurxiáns xerais
A Unidade Esofagogástrica e da Obesidade do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Área Sanitaria de Vigo acaba de publicar un estudo na prestixiosa revista americana “Surgical Endoscopy”, de gran impacto na especialidade. O artigo “Estudo retrospectivo da linfadenectomía no cancro gástrico guiada por ICG (verde indocianina) nun centro occidental”, fírmano integrantes de esta unidade e do Grupo de Innovación en Cirurxía do IIS Galicia Sur, en colaboración con outros investigadores do Instituto dos servizos de Medicina Preventiva, Dixestivo e Anatomía Patolóxica. O estudo desenvolveuse ao longo de 2 años en 40 pacientes; unha metade foi intervida coa nova técnica mentres que a outra operouse de maneira convencional.
A principal aplicación do ICG en cirurxía oncolóxica é a navegación intraoperatoria durante a linfadenectomía (extirpación dos ganglios linfáticos). Isto é posible grazas ao emprego do verde de Indocianina, colorante que permite visualizar, a tempo real, a anatomía do paciente. Xeralmente, o cancro de estómago fai metástases pola vía linfática. Con este procedemento, 24 horas antes da cirurxía, os especialistas de dixestivo, a través dunha gastroscopia, inxectan ao paciente a solución verde nos puntos cardinais do tumor. Esta substancia vaise distribuír polos vasos linfáticos. Ao día seguinte, no momento da intervención, xa aparecen tinguidos de verde todos os ganglios linfáticos por onde drena ese tumor, visibilizándose con claridade, o que lle serve de guía ao cirurxián para proceder ás súas extirpacións..
Segundo explica Ignacio Maruri, primeiro autor do artigo “este procedemento, ao facer visibles os ganglios afectados, aumenta a detección dos mesmos e permítenos localizar ganglios noutras localizacións atípicas onde non se adoita diseminar o tumor, e que doutro xeito poderían non ser identificados. Isto nos posibilita realizar unha extirpación máis completa dos ganglios linfáticos tributarios dese tumor e a súa localización no estómago.” En definitiva, continúa o cirurxián, esta técnica permite facer unha cirurxía máis completa destes tumores, acadando así un diagnóstico máis exacto do tipo de tumor e por conseguinte un mellor tratamento. En casos seleccionados poderíase incluso realizar unha técnica algo menos agresiva para pacientes de máis idade e ou con tumores máis pequenos.
O cancro gástrico é unha enfermidade de gran prevaleza nos países orientais, polo que existe unha maior atención a esta patoloxía e máis investigación e literatura científica sobre a súa abordaxe terapéutica. Sen embargo, nos países occidentais, ao tratarse dunha patoloxía con baixa prevaleza, non existe tanta investigación sobre o tema. Por iso, este artigo é o primeiro publicado nun centro occidental. “Nos países do noso entorno cando se diagnóstica este cancro xeralmente adoita ser en xente maior e en estadios xa avanzados”, explica o especialista.
A Unidade Esófagogástrica e da Obesidade realiza 300 intervencións anuais, das que 40 son por cancro gástrico. Nestes momentos, o servizo ten protocolizada e incorporada esta técnica á súa carteira de servizos, de tal xeito que nos casos indicados, todos os pacientes son operados coa mesma. O resto de intervencións corresponde a outras patoloxías coma a obesidade mórbida, lesións de esófago, hernias de hiato, etc.
Visita nuestras redes sociales