•Investigadores de ata cinco grupos do IISGS participaron en diversos relatorios xunto a expertos internacionais en INMUNEVIGO
O III Foro Internacional sobre Enfermidades Inmunomediadas INMUNEVIGO celebrouse os días 22 e 23 de abril e contou coa participación dun centenar de médicos especialistas en Reumatoloxía, Dermatoloxía e Aparello Dixestivo chegados de todo o país para compartir experiencias e os últimos avances no tratamento destas enfermidades. Foi clausurado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Durante dous días, preto de 30 profesionais de recoñecido prestixio expuxeron os principais logros nas súas áreas de traballo, pero tamén as necesidades detectadas e os aspectos para mellorar. Entre estes expertos atopábase unha ampla representación dos grupos do IIS Galicia Sur relacionados cos temas a tratar no Foro: IRIDIS, Dermatoloxía, Patoloxía Dixestiva, NeumoVigo I+i e Hepatoloxía e Enfermidades Inflamatorias Intestinais.
Deste xeito, nas diferentes mesas os asistentes puideron compartir aspectos destacados no tratamento da Osteoporose Postmenopáusica, a Artrite Reumatoide, a Artrite Psoriásica Reumatoide, o Lupus Eritematoso Sistémico (LLES), Enfermidade Inflamatoria Intestinal ou a EPID (Enfermidade Pulmonar Intersticial Difusa), entre outras enfermidades inmunomediadas.
Así mesmo, neste foro tratáronse temas como a importancia da colaboración desde a orixe entre a Atención Primaria e Atención Especializada, o valor e a utilidade das unidades multidisciplinares para o tratamento das enfermidades inmunomediadas ou a aposta pola xestión destas enfermidades baseada en valor e resultados en saúde.
Visita nuestras redes sociales