
Pé de Foto: de esquerda á dereita, Eva Poveda López, directora Científica do IISGS; Carlos Spuch Calvar, investigador do IISGS, Pedro Núñez Seoane, Inés Estévez González, Eva López Tarrío, directora do IES Valadares, e máis Silvia Pascual Fernández e Carmen Boado, titora e coordinadora, ámbalas dúas tamén do IES Valadares de Vigo
• A directora Científica do IISGS, Eva Poveda, mostrou a súa satisfacción por esta colaboración que “axuda a espertar vocacións científicas”
• Unha alumna e un alumno de bacharelato do IES Valaderes de Vigo, presentaron hoxe o resultado de dous anos de traballo titorizados polo investigador do IISGS, Carlos Spuch
Vigo, 22 de marzo de 2022. A colaboración existente por parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas con centros de ensino secundario que desenvolven currículos STEMbach tivo esta mañá unha nova mostra coa exposición do traballo desenvolvido por Inés Estévez González e Pedro Núñez Seoane do IES Valadares de Vigo, titulado: A Proteómica do Leite Materno.
Previamente a esta exposición, realizada esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a directora Científica do IIS Galicia Sur, e membro do tribunal que os avaliaría, Eva Poveda, deulles á benvida ao IISGS, salientando a “oportunidade desta iniciativa do STEMbach para dar a coñecer ás rapazas e rapaces a forma de traballar nunha institución científica, compartir experiencias con investigadoras e investigadores e a excelente oportunidade que este traballo abre cara a espertar vocacións ao alumnado que se atopa a piques de ter que decidir o seus estudos universitarios”. Así mesmo, Eva Poveda agradeceu á directora do IES Valadares e ao resto das docentes que asistiron ao acto “o desenvolvemento desta iniciativa no seu centro, xa que posibilita ás alumnas e alumnos a ver o mundo real que existe tras o bacharelato”
Así, a directora Científica quixo deixar patente que esta vinculación do IISGS co sistema STEMbach supón unha actividade máis de desenvolvemento da investigación e innovación responsables que realiza o Instituto e o seu compromiso co achegamento da ciencia á cidadanía, a divulgación e o fomento de vocacións científicas.
Visita nuestras redes sociales