ENTREVISTA AO DR. ROBERTO DE LA RICA
Entrevistamos ao doutor Roberto de la Rica con motivo da conferencia: Novas tecnoloxías para a detección de patóxenos e biomarcadores respiratorios, que pronunciou o pasado 18 de xaneiro no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Podemos dicir que a súa exposición científica foi ademais un alegato claro en favor de buscar fórmulas eficaces e válidas que axuden a simplificar racionalmente a metodoloxía dos diagnósticos co fin de poder acceder ao máximo número de pacientes. Non só aos que teñan acceso a un hospital. Todo apunta que a vía para chegar a iso é seguir un principio estratéxico xeneral: tratar de converter unha debilidade nunha oportunidade.
Talvez, esta fose unha das formulacións que o doutor Roberto de la Rica viu claro para desfacer o que el denomina como “un dos maiores colos de botella ata o momento”: obter e manexar mostras para o diagnóstico rápido e preciso de patoloxías respiratorias. A súa experiencia en bionanotecnoloxía foi esencial para iso. Pero, pensar que o uso estendido da máscara para evitar a transmisión do SARS-CoV-2 durante a pandemia podería ser un eficaz método para conseguir mostras en casos nos que era dificultoso, supón un cambio radical -á vez que unha idea brillante- na detección deste tipo de patoloxías. Este é un exemplo máis dunha filosofía que trata de facer máis fácil este tipo de procesos e que o doutor De la Rica resume en: “Facer moito fincapé en eliminar calquera requisito de instrumentación adicional. A idea é que se poida facer todo cun kit de diagnóstico e como moito coa axuda dun teléfono móbil, que é unha tecnoloxía que se atopa en calquera sitio“.
Así mesmo, preguntámoslle acerca da súa opinión en relación coa ciencia traslacional. Neste sentido, De la Rica apunta cara a unha visión moi interesante ao afirmar que: “En España necesitamos poñer máis mecanismos para abrir a ciencia á sociedade, porque se non hai transferencia, non hai impacto real no paciente (…) Pero fai falta crear un perfil de investigadora ou investigador que transmita ciencia”.
Visita nuestras redes sociales