• Os coordinadores do traballo pertencen ao Grupo de Investigación Cardiovascular do IIS Galicia Sur e utilizaron un rexistro de máis de mil pacientes
• O estudo céntrase na identificación de pacientes que poderían someterse a unha reparación valvular mitral percutánea, un procedemento de alto risco polo que é precisa unha adecuada selección do enfermo
O servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Vigo dirixiu un estudo internacional, do que formaron parte outros 15 hospitais de todo o mundo. O traballo versou sobre a identificación correcta de pacientes que poderían someterse a unha reparación valvular mitral percutánea, unha identificación que é vital para a adecuada selección de pacientes para este procedemento considerado de alto risco.
O servizo está dirixido polo doutor Andrés Íñiguez, que tamén é o investigador responsable do Grupo de Investigación Cardiovascular do IIS Galicia Sur, ao que tamén pertence o doutor Emad Abu Assi, que coordinou o estudo internacional.
Os resultados da investigación veñen de publicarse na revista médica Journal of American College of Cardiology, unha das máis prestixiosas da especialidade no mundo. A publicación deste estudo, terceira en menos dun ano, coloca ao servizo de Cardioloxía na elite da investigación cardiovascular nacional e europea.
O cardiólogo Sergio Raposeiras foi o primeiro autor do traballo, consistente en realizar unha catalogación dos pacientes mediante a utilización dunha escala baseada en 8 ítems, que se denomina MitraScore e que permite definir aos enfermos con niveis baixo, moderado ou alto risco para o procedemento.
No traballo utilizouse un rexistro internacional con máis de mil pacientes, que foi coordinado polo tamén cardiólogo Rodrigo Estévez, que ademais se encargou de validar a escala MitraScore en enfermos italianos, que confirmou os bos resultados da catalogación.
Visita nuestras redes sociales