
No centro da imaxe, Beatriz Gil de Araujo de Simón, directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, acompañada de mozas e mozos do Programa Investigo desenvolvido na Fundación e que participaron na Xornada Emprega Xuventude celebrada o 8 de febreiro en Pontevedra
• A Fundación colaborou co Plan Investigo ofertando estas vinte prazas para axudar a mellorar o acceso á vida laboral destes novos profesionais sen experiencia previa
• Desenvolven tarefas en proxectos científicos de gran trascendencia, á vez que se familiarizan con técnicas propias da investigación biomédica
Unha vintena de mozas e mozos contratados pola Fundación Biomédica Galicia Sur están a desenvolver o seu labor de realización de iniciativas de investigación e innovación ao abeiro do Programa Investigo, consistente na contratación de persoas mozas demandantes de emprego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para o exercicio 2022 (aprobado polo consello de Ministros da UE de 27 de abril de 2021 e avaliado favorablemente pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021).
O programa, tal e coma se reflicte na súa convocatoria a través da Orde da Consellería de Emprego do 28 de decembro de 2021 (publicada no DOG do 30 de decembro do mesmo ano), ten como obxectivo favorecer o acceso ao primeiro emprego a mozas e mozos de entre os 16 e os 30 anos.
Traballo na investigación
Estas vinte persoas que foron contratadas pola Fundación para darlles esta primeira experiencia laboral posúen diferentes niveis educativos, sendo investigadoras e investigadores pre-doutorais, persoas con licenciatura ou con Formación Profesional Grao II. Na actualidade, continúan a desenvolver o seu traballo en diferentes áreas da investigación biomédica, repartíndose en diferentes grupos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur na Área Sanitaria de Vigo, Pontevedra ou na Universidade de Vigo (en grupos como: Neurociencia Traslacional, Viroloxía e Patoxénese, Hepatoloxía-Enfermidades Inflamatorias Intestinais ou Oncoloxía, por citar algúns).
Para desenvolver este labor, e segundo se reflicte na resolución da Orde de convocatoria, a Fundación Biomédica Galicia Sur recibiu un total de 662.176,80 euros, destinados ao pago de salarios e custos laborais das mozas e mozos contratados. Este financiamento procede dos fondos NextGenerationEU, inscritos no Plan de recuperación transformación e resiliencia, e enmarcase dentro do Programa Investigo, que ten como finalidade: a contratación de persoas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, en organismos públicos de investigación, difusión do coñecemento, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado e entidades privadas sen ánimo de lucro como fundacións, xunto con empresas que invistan en investigación e innovación.
Experiencia
O fundamento deste Programa Investigo é dotar dunha primeira experiencia laboral a mozas e mozos no contorno da investigación e a ciencia, co fin de que podan desenvolver más adiante a súa carreira profesional neste ámbito. Desta forma, as vinte mozas e mozos en total seleccionados tras un proceso de concorrencia, comezaron a incorporarse á Fundación Biomédica Galicia Sur entre os meses de marzo e abril de 2022 para desenvolver o seu labor de aprendizaxe que culminará tras pasar un ano de contratación, tal e como se determina na orde que o regula.
Así, as mozas e mozos contratados están a participar en proxectos principais que se desenvolven no IIS Galicia Sur, na súa gran maioría, e relacionados co VIH, a neuroloxía, o cancro a cardioloxía ou o COVID19, por citar algúns. Esta participación implica adestrarse no traballo científico, ao realizar diferentes accións como: o estudo de mecanismos moleculares mediante citometría de fluxo, ELISA, WB, dixital PCR e microscopía confocal; tamén, diversas técnicas de bioloxía molecular: extracción de ácidos nucleicos a partir de mostras de diferentes orixes, diferentes técnicas de PCR, construción de librerías, secuenciación… Así mesmo, realizan actividades no marco dos proxectos de investigación que se están a desenvolver, centrados, por exemplo, na infección por VIH e a infección por SARS-CoV-2/COVID19, recibindo a persoa contratada formación integral, actualizada e centrada na transferencia dos resultados na práctica clínica, que sentarán as bases da súa carreira científica na investigación biomédica.
Xunto con este traballo, as mozas e mozos do Proxecto Investigo participaron neste mes de febreiro na Xornada Emprega Xuventude, organizada en Pontevedra pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que inaugurou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. Neste encontro, que congregou a tódalas mozas e mozos que foron contratados por diferentes empresas e institucións da provincia, tiveron a ocasión de compartir experiencias e de recibir orientación cara a desenvolver o seu currículo profesional unha vez termine este Programa Investigo.
Visita nuestras redes sociales