• O IIS Galicia Sur consegue apoio da FECYT na principal convocatoria de axudas nacionais para a divulgación da ciencia, trala recente inclusión da súa UCC+I na Rede de Unidades de Cultura Científica e Innovación Estatal
• O IIS Galicia Sur prevé o investimento nestes dous proxectos de 95 mil euros, dos que 24 mil serán achegados pola FECYT a través da concesión destas axudas
• Promover a non discriminación e a eliminación do estigma en relación co VIH e divulgar á sociedade os avances científicos son os obxectivos xerais destas accións subvencionadas
• Esta concesión supón un gran soporte ao compromiso do IIS Galicia Sur para achegar a ciencia á sociedade
Vigo, 4 de agosto de 2023. A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, ven de aprobar a concesión de axudas ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para o desenvolvemento de dous novos proxectos de divulgación científica. Un deles, VIH-Ciencia Aberta, pretende contribuír á non discriminación e a vencer o estigma fronte ó VIH coa promoción de accións formativas e a xeración de contidos divulgativos que favorezan o coñecemento dos avances científicos neste eido. O segundo proxecto, está centrado no desenvolvemento do Plan Anual de Actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I), do propio IIS Galicia Sur.
Este apoio constitúe un pulo importante dentro do labor de divulgación científica á sociedade que ofrece o IISGS, xa que, tras o recoñecemento por parte da FECYT -o pasado mes de xaneiro- da Unidade de Cultura Científica e Innovación (UCC+I) do IISGS, lograr un apoio na principal convocatoria de axudas nacionais á divulgación da ciencia é moi destacable e está aliñado co esforzo realizado dende o IIS Galicia Sur no fornecemento da súa Unidade Comunicación e a UCC+I, realizado nos últimos meses.
O investimento total previsto para o desenvolvemento destas actuacións é de 94.527 euros, dos que 24.000 serán achegados pola FECYT a través desta concesión, estando previsto a execución destas accións dende ata o 30 de xuño de 2024.
Vencer o estigma
Os avances científicos dos últimos anos no eido do VIH foron extraordinarios mellorando de forma moi significativa a calidade de vida das persoas que viven con VIH. Sen embargo, estes avances non sempre se trasladan á sociedade dunha forma eficiente que permita un cambio de percepción sobre esta infección e que ten como consecuencia que a discriminación e o estigma seguen estando presentes, e que teñen ademais un impacto negativo, por exemplo, no retraso diagnóstico da infección. Existe polo tanto, unha necesidade de transmitir os coñecementos científicos de forma obxectiva e educativa para que a sociedade poida estar correctamente informada.
Neste contexto, Eva Poveda, Directora Científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e investigadora principal do Grupo Viroloxía e Patoxénese-VIP lidera e coordina a proposta VIH Ciencia Aberta en colaboración con grandes expertas e expertos no eido da investigación en VIH nacionais: un proxecto de comunicación social que ten como obxectivos principais, loitar contra a discriminación e o estigma que aínda acompaña as persoas que viven con VIH, ofrecer ferramentas e formación básica para evitar esta discriminación, á vez que ofrecer contidos e actividades formativas e informativas sobre a ciencia e os avances fronte ao VIH.
Desta forma, artéllanse diferentes accións específicas de tipo formativo e de xeración de contidos en distintos formatos, dirixidas a diferentes audiencias, cun enfoque integral pero moi personalizado para cada grupo, tales como: obradoiros, elaboración e difusión de vídeos informativos, publicacións, formación para profesionais da comunicación (por exemplo, xornalistas, persoas que se dedican á divulgación científica, etcétera) ou mesmo un consultorio por mensaxería instantánea, con mozas e mozos de entre 12 e 18 anos de centros educativos localizados no ámbito territorial do IIS Galicia Sur. O investimento total previsto é de 48.309 euros, dos que 16.000 serán achegados pola antedita axuda concedida pola FECYT.
Mellorar o grao de coñecemento da cidadanía
O segundo dos proxectos que a FECYT apoia a través da concesión dunha nova axuda é o desenvolvemento do Plan Anual de Actividades da UCC+I do IIS Galicia Sur, que busca mellorar o grao de coñecemento da cidadanía sobre o traballo que se realiza na investigación biomédica e a súa repercusión na sociedade, mediante o deseño de tres accións específicas que buscan, tanto a divulgación da realidade científica, como a implicación recíproca e colaboración mutua coa propia sociedade.
Estas accións van dende a elaboración de material divulgativo, a organización de obradoiros de traballo ou mesmo accións de maior espectro, como é aproveitar o efecto. popular das luces de Nadal de Vigo para achegar a ciencia as pequenas e pequenos (fluorescencia, microscopía, cromatografía, etcétera), ademais da celebración dun cinefórum (Cine ConCiencia) mediante o que se fará divulgación de enfermidades concretas a través de películas de cine convencional, abrindo un diálogo co público con persoal investigador do IISGS. Esta actividade conta co apoio do Cineclub Lumière Vigo, e a participación da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer y Otras Demencias de Galicia-AFAGA.
Este Plan Anual de Actividades da UCC+I do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur estará coordinado pola responsable da devandita Unidade, Leonor Parcero, prevéndose un investimento total de 46.218 euros para a súa execución, dos que 12.000 serán achegados a través destas axudas concedidas pola FECYT.
Outras actividades
Estas actividades súmanse a outras que o IIS Galicia Sur ven realizando puntualmente dentro do seu labor de divulgación e achegamento da ciencia á cidadanía. Así, por exemplo, compre recordar a participación do IISGS nos programas STEM Bach (de axuda e titorización de alumnas e alumnos de bacharelato no desenvolvemento dun proxecto científico ao longo de dous anos, co fin de fomentar as vocacións en investigación), a celebración do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia (11 de febreiro), con 17 actividades en centros escolares da provincia para achegar a actividade científica feita por mulleres a nenas e nenos en idade escolar, ou a colaboración con asociacións de pacientes e xornadas de portas abertas, así como a cooperación con outras entidades nas que piden a participación de persoal investigador do IIS Galicia Sur.
O papel da UCC+I
A Unidade de Cultura Científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur integrouse no pasado mes de xaneiro na Rede de Unidades de Cultura Científica e Innovación (UCC+I) da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía-FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación, ao ser acreditada coma tal e incluída no seu catálogo. Esta inclusión supuxo a cualificación da UCC+I do IISGS como axente na comunicación, difusión e divulgación da ciencia, tecnoloxía e innovación en España e, así mesmo, supuxo un paso importante na inquedanza que ten o IISGS como referente de organización comprometida coa ciencia traslacional e achegar á sociedade o coñecemento científico, tal e como se reflicte no seu Plan Estratéxico 2022-2026.
Os obxectivos esenciais destas unidades son, segundo se reflícte no Libro Branco das UCC+I editado pola FECYT: achegar a actividade investigadora e a ciencia á sociedade, acrecentar a difusión dos resultados de investigación financiados con fondos públicos, visibilizar a diversidade de xénero e identidades en ciencia; promover unha sociedade que aposte polo coñecemento, a información contrastada e o rigor científico – estimulando á participación cidadá- ou promover a alfabetización científica entre escolares e mozas e mozos non universitarios; obxectivos todos eles consecuentes cos obxectivos do Plan de Comunicación do IISGS, inscrito no antedito Plan Estratéxico 2022-2026.
Visita nuestras redes sociales