• Entrevista á doutora Marta Aymerich Martínez, vicerreitora de Planificación Estratéxica e Investigación da Universitat Oberta de Catalunya (UOC)
A celebración da VI Xornada Encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur foi unha oportunidade excepcional para participar da conferencia da doutora Marta Aymerich Martínez, vicerreitora de Planificación Estratéxica e Investigación da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e unha das voces máis activas na comunidade científica no que se refire á apertura dos resultados do labor de investigación á sociedade. Aymerich Martínez advirte da necesidade de abrir o coñecemento para que os resultados científicos non se circunscriban exclusivamente aos que se publican nas revistas e canles de difusión tradicionais e avoga firmemente pola investigación traslacional.
Pero o seu discurso non se limita a isto, se non que fai fincapé nunha cuestión esencial para o investigador: a actual forma de avaliar ao científico baséase en criterios limitativos, tales como a publicación en revistas científicas de renome ou no factor de impacto ou cuartiles; criterios que, segundo ela, son “limitantes e parciais” e poden acabar coa verdadeira función da investigación: chegar á sociedade.
Un pouco esaxerado este título da conferencia: Ciencia aberta ou morrerse, non cre?
Si que o é… pero é a posta. E fai referencia a algo que xa moita xente aceptou como unha mala práctica: publicar ou perecer. Publicar ou morrer. Publish or Perish, en inglés. Dito dunha forma máis clara, parece ser que, se non se publica, e se ademais non se fai nunha determinada revista, xa non es científico, cando o que importa é facer visibles os resultados publicando unha boa investigación, pero non facéndoo obrigatoriamente en determinadas revistas ou canles que, ademais en moitas ocasións, son negocios privados que non favorecen que se distribúa a investigación en todo o mundo.
Como investigador, para publicar non debe importar que nivel socio-económico teñas, que xénero ou en que punto de desenvolvemento da túa carreira científica te atopas. A ciencia é un ben común e debería estar dispoñible para todo o mundo. Con este título afirmo que, se non se produce esta apertura non se fai un favor á ciencia, que debe ser entendida sobre todo como un ben común.
Na súa mensaxe parece ademais que, en paralelo, hai unha reivindicación por parte do científico pedindo que cando se lle avalíe non se mida a súa fiabilidade atendendo simplemente á cantidade de artigos publicados e en que tipo de publicacións o fíxo. Non é así?
Exacto. E non soamente no que respecta a a fiabilidade, que é só una das dimensións que se deben avaliar. O sistema de avaliación estendido na actualidade é sobre todo incompleto, porque a publicación é só una das partes da ciencia e o prioritario debería ser coñecer como o fixeches, que inclúe esa investigación, que achega á sociedade, que problema queres resolver, como formaches aos investigadores do teu grupo ou como contribuíches ao seu crecemento e desenvolvemento. Todo iso é moito máis importante que saber onde publicaches os resultados da túa investigación.
Enténdese entón que será necesario establecer un criterio común que teña en conta como avaliar ao científico atendendo tamén a outros criterios digamos… subxectivos?
En efecto. E aí temos que traballar conxuntamente, non só en Europa, se non toda a comunidade científica mundial, para compartir boas prácticas á hora de avaliar e como facelo. Se ata o momento tivo éxito esta forma de avaliar atendendo só ás publicacións é porque era fácil. É dicir, podemos ver sinxelamente cantos científicos publicaron e onde, algo que se podería facer cunha máquina. E a idea é que non avaliemos aos nosos científicos cunha máquina, se non que sexa a comunidade científica a que determine como é de boa unha investigación en concreto ou como fai avanzar ao mundo e que impacto social ten.
Talvez, a recentemente creada CoARA sexa unha oportunidade para sacar adiante uns criterios comúns acerca de como ver ao científico e como avalialo?
Claro. Esta é unha idea que nace a nivel europeo e agora mesmo está a piques de crearse a Coalición para a Reforma da Avaliación da Investigación (Coalition for Advancing Research Assessment-CoAra). Pero de aí non sairá un protocolo único, xa que a investigación non ocorre no baleiro. Ocorre nun contexto determinado… e aínda que os protocolos teñen que compartir uns principios, as formas de avaliar deberán ser consecuentes con cada caso particular. O mundo é diverso, os científicos somos diversos, estamos en contextos moi diversos, con recursos distintos, con ideas distintas, con problemas sociais distintos e, por tanto, teñen que avaliarse segundo cada contexto.
Dunha maneira máis distendida, non cre vostede que esta mensaxe que transmite colócalle como persoa non grata entre o mundo editorial especializado na publicación científica?
Si. Seguro que si (ri). Pero non creo que se fixen particularmente en min porque son unha máis. Quen lanzaron esta reivindicación fronte aos grupos editoriais realizárono de forma colectiva e colaborativa tamén… e xa é toda a Asociación Europea de Universidades, e outras asociacións semellantes de cada país, as que conseguiron que as editoriais abrisen os seus artigos. É certo que agora nos fan pagar por publicar, pero creo que facía falta esta concienciación común e os grupos editoriais non poden personalizar esta reivindicación en alguén en concreto ao ser unha loita colectiva.
Parece que fixesen seu o modelo de negocio de Spotify
Exacto (ri). Nunca o vía así, pero talvez sexa unha boa comparación.
Visita nuestras redes sociales