A tese presentada por Sara Fernández García (Grupo NeumoVigo I+I) enmárcase no proxecto SocioEPOC, financiado polo Instituto de Salud Carlos III, e estuda a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica dende unha nova e innovadora perspectiva, xa que ten en conta os factores sociosanitarios e como estes poderían utilizarse para predicir eventos como hospitalizacións prolongadas, reingresos ou mortalidade. Trátase dun aspecto escasamente estudado ata a data, especialmente en combinación cunha perspectiva de xénero.
A enfermidade pulmonar obstrutiva crónica é unha enfermidade que presenta frecuentes agudizacións que producen un deterioro significativo do estado de saúde, aumentan o risco de morte e xeran unha forte demanda asistencial. O estudo plantea a hipótese de que a situación social dos pacientes con EPOC que padecen agudizacións graves é desfavorable e que existen diferenzas en función do xénero. Tamén, que as variables sociais (recursos, vivenda, contorna, sobrecarga do coidador, dependencia, risco de exclusión), de forma combinada cos factores clínicos, poden predicir mellor a estancia hospitalaria, e a posibilidade de novos ingresos e incluso de falecemento.
Visita nuestras redes sociales